27-29 DE MARZO. PAVILLÓN MUNICIPAL
Pontevedra acolle o Campionato de España Absoluto de Karate
Pontevedra acollerá esta fin de semana (27, 28 e 29 de marzo) o Campionato de España Absoluto de Karate, un evento que reunirá a máis de 600 competidores de todo o Estado, incluíndo campións de Europa e do mundo. A cita, organizada de forma conxunta polo Concello de Pontevedra e as federacións galega e española de Karate, desenvolverase no pavillón municipal con entrada totalmente de balde para achegar este deporte a toda a cidadanía.
O campionato dividirase en tres xornadas diferenciadas:
- Venres, 27 de marzo: A competición arrancará ás 15:00 horas. A primeira entrega de medallas realizarase arredor das 21:15 horas.
- Sábado, 28 de marzo: A sesión matinal será de 09:00 a 13:00 horas. Pola tarde retomarase a actividade de 15:00 a 19:00 horas co inicio das finais, procedendo á entrega de medallas ás 21:00 horas.
- Domingo, 29 de marzo: O comezo será ás 09:00 horas, coas finais programadas para as 12:30 horas ea cerimonia de clausura e medallas ás 13:45 horas.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacou o compromiso do goberno local co deporte, sinalando que "dende o Concello estamos moi orgullosas de sermos unha cidade que fai da súa política deportiva un emblema", combinando o apoio ao deporte base cunha planificación coidadosa dos grandes eventos que chegan á cidade.
Gulías subliñou tamén o importante retorno que este tipo de competicións teñen para Pontevedra: "Para nós pensar nestes campionatos é francamente positivo, non só porque imos ter aos mellores e ás mellores do karate estatal aquí na nosa cidade, senón porque este tipo de eventos supoñen poñer a Pontevedra no mapa como destino para acoller estas citas e xeran un dinamismo turístico e económico moi potente".