Aprobada a licitación para a renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos

2026-03-26 15.39.41-Recreación cuberta Mercado de abastos
2026-03-26 15.39.41-Recreación cuberta Mercado de abastos
Aprobada a licitación para a renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos

Pontevedra, 26 de marzo de 2026. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proceso de licitación das obras de mellora de eficiencia enerxética no Mercado de Abastos. Segundo explicou a alcaldesa en funcións e tenente de alcalde, Eva Vilaverde, o orzamento de licitación é de 518.732,13 euros e o prazo de execución de 2 meses.

A actuación céntrase na substitución e mellora do lucernario principal do edificio e da súa cuberta. Procederase á desmontaxe da estrutura actual, o saneamento dos perfís metálicos e o reforzo das ancoraxes para instalar un novo lucernario que funcionará como unha "segunda pel", segundo explicou a alcaldesa en funcións. Esta nova infraestrutura está deseñada con vidros illantes para evitar a filtración dos raios infravermellos, garantindo un mellor illamento térmico e lumínico. Esta medida ten como finalidade principal a protección e conservación óptima da mercadoría (como peixe, froita, verduras, flores...) que ofrece o persoal do mercado.

Eva Vilaverde asegurou que a execución das obras se planificará coa intención de que resulten o menos molestas posibles, garantindo a súa total compatibilidade coa actividade diaria das persoas que traballan e compran na praza. Esta renovación permitirá darlle unha nova e coidada imaxe ao Mercado de Abastos, poñendo en valor un espazo que, ademais de manter a esencia do comercio de proximidade, aspira a ser punto cultural da cidade.

Aprobada a licitación para a renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos