Lores representa a Pontevedra no IV Congresso Cidades e Vilas que Caminham celebrado en Porto e anima a todos os líderes portugueses a "facer cidades pensadas para as persoas"

Intervención de Lores no IV Congresso Cidades que Caminham
Intervención de Lores no IV Congresso Cidades que Caminham
Lores representa a Pontevedra no IV Congresso Cidades e Vilas que Caminham celebrado en Porto e anima a todos os líderes portugueses a "facer cidades pensadas para as persoas"

Porto, 26 de marzo de 2026. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse até a cidade portuguesa do Porto para participar no IV Congresso Cidades e Vilas que Caminham, cita organizada pola Rede de Cidades e Vilas que Caminham, e que reúne a expertos e entidades de toda a Península para promover a mobilidade peonil, a calidade de vida urbana e a integración social nas vilas. 

O rexedor, representante da cidade de Pontevedra como exemplo recoñecido e recoñecíbel de mobilidade e transformación urbana, realizou unha intervención inicial dentro do congreso para dar benvida a todas as persoas participantes, tanto público coma poñente, lembrando a importancia e a necesidade de que as e os líderes políticos deben tomar decisións valentes á hora de avanzar no eido de crearmos cidades pensadas para as persoas. 

Fernández Lores lembrou que esta é a cuarta ocasión na que acude ao congreso portugués, ofrecendo os seus parabéns a Paula Teles, Presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, por seguir traballando na organización desta cita e na idea de que “Portugal teña a súa propia rede de cidades que camiñan e que haxa xa máis de 50 cidades adheridas á mesma”. 

“Pontevedra leva moitos anos traballando en construír unha cidade pensada para as persoas”, sinalou. “Hai persoas que viven en condicións que non son de recibo nas cidades. Nós debemos actuar para reverter esa situación. Pontevedra logrou chegar a un modelo propio no que a base é saber que camiñar resolve moitas cousas, camiñar coa nosa propia enerxía; ademais da cohesión social que se deriva diso”. 

IV Congreso Cidades que Caminham na cidade de Porto
IV Congreso Cidades que Caminham na cidade de Porto

O alcalde realizou un pequeno resumo dalgunhas das medidas que o Goberno Local tomou en Pontevedra á hora de mellorar a calidade da vida dos seus veciños e veciñas, subliñando a importancia da redución da velocidade nos vehículos á hora de evitar accidentes e atropelos mortais para os peóns. “Se non o facemos, e alguén sofre as consecuencias, algunha responsabilidade teremos. Nin as rúas nin as prazas son estradas”, indicou. “Hai que aumentar o espazo destinado para as persoas, sobre todo a aquelas máis débiles. É algo que funciona, demostrámolo, polo que non facelo é un problema de decisión política. Eu quero animar a todos os responsábeis políticos a que tomen decisións nese sentido, en mellorar a calidade de vida das persoas”. 

Fernández Lores tamén quixo sinalar que estes procesos son longos e continuos, “non son cousa de catro anos, nin de oito nin de doce”, e que despois da súa traxectoria como alcalde sabe “que aínda hai cousas que quedan por facer”. “Animo a todos os autarcas de Portugal a facer cidades pensadas pas as persoas”. 

Pola súa banda, Paula Teles, que interveu xusto na seguinte quenda de palabra, falou do alcalde de Pontevedra como “o noso mestre e un exemplo para todos os autarcas de Portugal, de España e do mundo”. “Grazas por achegarte e pola confianza que sempre pos en nós e estar sempre dispoñíbel para recibirnos; coma dis ti: temos que definir que tipo de cidade queremos”. 

Lores representa a Pontevedra no IV Congresso Cidades e Vilas que Caminham celebrado en Porto e anima a todos os líderes portugueses a "facer cidades pensadas para as persoas"