SALDA MÁIS DE 5,5 MILLÓNS DE EUROS EN PRÉSTAMOS

Pontevedra acada a débeda cero consolidada e confirma a solidez económica do concello

Raimundo González
Raimundo González
Pontevedra acada a débeda cero consolidada e confirma a solidez económica do concello

Pontevedra, 10 de setembro de 2025. O Concello de Pontevedra anunciará no próximo pleno a amortización de todos os préstamos municipais consolidados, acadando a «débeda cero» a partir do 30 de setembro. 

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta deste asunto na sesión extraordinaria da Comisión de Economía e Facenda e Especial de Contas, sinalando que se iniciou o expediente para a cancelación total da débeda, que suporá a amortización dunha contía total de 5.565.554,30 euros. 

Esta cancelación inclúe os préstamos do ano 2015 co Banco Sabadell, o do Abanca do 2017, o de 2018 con Unicaja, os de 2019 e 2020 con Caixa Rural, o de 2021 con Unicaja e o de 2022 tamén con Caixa Rural. Segundo explicou o concelleiro, este paso permitirá que “o 30 de setembro non teremos ningunha débeda consolidada”. 

Cómpre sinalar que existe un préstamo de 900.000 euros co BBVA, correspondente ao ano 2024, que non se amortizará neste momento porque non está consolidado. Este préstamo foi solicitado e asinado o 4 de outubro de 2024 e ten un período de carencia de dous anos, o que significa que se consolidará unha vez cumpridos eses dous anos. Durante o período de carencia, habitualmente págase intereses pero non se amortiza a débeda. Non obstante, neste caso, o Concello non pagará intereses nin amortizará débeda porque non dispuxo nin disporá de ningunha cantidade deste préstamo. O préstamo figura no orzamento e está vinculado a investimentos específicos, mais o oganismo local dispón de fondos suficientes para afrontalos sen necesidade de utilizar este préstamo. 

Aínda que xuridicamente non se acadará a «débeda cero» ata o 4 de outubro de 2026, cando se procederá á cancelación definitiva do préstamo co BBVA despois da súa consolidación, de facto, a situación é de débeda cero. En palabras do edil, esta importante medida financeira reflicte a situación patrimonial do concello e a súa solidez económica. 

Pontevedra acada a débeda cero consolidada e confirma a solidez económica do concello