O Plan Supera21 reforza o persoal para axilizar a súa xestión
Pontevedra, 15 de febreiro de 2021. Pontevedra vén de aprobar o programa temporal para a xestión da actividade subvencionada do Concello no eido do fomento económico e social para paliar os efectos da crise provocada pola Covid-19. Trátase, segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, de incrementar o equipo e os recursos do Plan Supera co obxecto de mellorar a xestión desta liña de axudas e axilizar todo o relativo á súa tramitación.
Anabel Gulías adiantou que ao longo desta semana se presentará publicamente o Plan Supera21 e que, debido ao esforzo que a posta en marcha deste programa implica para os servizos municipais, se aproba este plan temporal de emprego, que suporá a incorporación dun posto técnico e dúas persoas para tarefas administrativas. Neste sentido, indicou que o Plan Supera21 está coordinado desde o gabinete de alcaldía pero que "para mellorar a conexión con todos os servizos e a axilidade na tramitación e na comunicación, así como na posta a disposición da información aos posibles beneficiarios ou beneficiarias, decidimos crear un programa temporal por dous anos para xestionalo".
Anabel Gulías: "pretendemos plantar cara definitiva aos estragos da Covid e iniciar un futuro de recuperación e de reactivación económica, polo que é necesario ser máis áxiles e que as axudas cheguen o antes posíbel á xente que as precisa"
En canto ao período temporal de dous anos, a portavoz do Goberno explicou que se ten en conta, ademais da fase de tramitación e resolución, as fases de xustificación e auditoría. Ademais, tamén engadiu que "o Plan Supera é unha mirada ao futuro, e o futuro sigue sendo moi incerto e non sabemos se vai ser necesario sacar más convocatorias de axuda nesta liña". Sobre este punto, asegurou que "unha das peticións da plataforma de afectados pola Covid era reproducir este sistema de axudas non só no momento actual senón tamén mirando cara ao futuro, por iso preferimos facer un plan temporal de emprego que cubra todas as eventualidades, e non descartamos seguir aportando e estando ao lado das veciñas e dos veciños nos vindeiros anos".
Gulías lembrou que a través do Plan Supera21 "pretendemos plantar cara definitiva aos estragos da Covid e iniciar un futuro de recuperación e de reactivación económica, polo que é necesario ser máis áxiles e que as axudas cheguen o antes posíbel á xente que as precisa".
A propia Anabel Gulías, en sesión plenaria, explicou que o Plan Supera21 se fundamenta en catro eixos fundamentais: coidado das persoas e das familias, e neste apartado o anticipo será do 100% da axuda; apoio ao deporte e á cultura local; apoio á economía local; e un plan de investimentos públicos.