DO 1 AO 7 DE AGOSTO

Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada, pratos fortes da Semana Grande de Soutomaior

Presentación da II Semana Grande de Soutomaior
Presentación da II Semana Grande de Soutomaior
Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada, pratos fortes da Semana Grande de Soutomaior

Soutomaior, 17 de xullo de 2025. As orquestras Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada serán os pratos fortes desta segunda edición da Semana Grande de Soutomaior, que terá lugar entre os días 1 e 7 de agosto. O torreiro da Festa da Dez (Candán), a carón do campo municipal de fútbol Graciano Padín, encherase coa música de catros das mellores orquestras do actual panorama galego e estatal.

Ademais, o programa da Semana Grande, que foi presentado polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, inclúe unha ampla variedade de actividades para todos os públicos durante os días que dure a festa, desde concertos de pequeno formato e sesións vermú ata un espectáculo de cociña en directo e un xantar popular que irá con inscrición.

O rexedor, que estivo acompañado polos concelleiros Diego Moreira e Rosana Comesaña, varios cociñeiros do concello e o párroco de Soutomaior, sinalou que esta segunda edición da Semana Grande “é a da consolidación como un evento que chega para quedarse”. Compre lembrar que ata o remate do anterior mandato Soutomaior non contaba cunhas festas patronais, unha disonancia con respecto á gran maioría de concellos do País.

Neste sentido, Lourenzo sinalou que “a Semana Grande de Soutomaior foi unha aposta do Goberno local pata que a nosa veciñanza poida desfrutar dunhas festas patronais e ter un punto de unión e celebración precisamente diso, de ser veciños e veciñas de Soutomaior”.

“Trátase dun evento no que se aúna a boa música, a boa gastronomía e, sobre todo, o bo ambiente que hoxe vivimos en Soutomaior”, sinalou o alcalde, que remarcou que “existe todo un contexto común a nivel cultural e social que fai da Semana Grande de Soutomaior un evento que chegou para quedar e non marchar máis”, engadiu o alcalde.

Así, o alcalde Manu Lourenzo concluíu animando a toda a veciñanza de Soutomaior e dos concellos veciños a “vir a desfrutar de Soutomaior, da súa Semana Grande, da súa contorna natural e da súa xente. Porque cando cremos en todas as nosas posibilidades e as poñemos sobre a mesa, en Soutomaior temos un potencial sen límites”. 

Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada, pratos fortes da Semana Grande de Soutomaior