DO 4 AO 8 DE AGOSTO
Caldas celebrará un campamento urbano coa Fábrica da Luz como tema central
Caldas, 16 de xullo de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai celebrar un campamento urbano entre o vindeiro 4 e o 8 de agosto centrado na Fábrica dá Luz, o singular edificio industrial da fervenza de Segade que acaba de cumprir o seu 125 aniversario. Este ano, o campamento non só brindará unha experiencia divertida e educativa para a rapazada participante, senón que tamén terá un propósito solidario: recollerá comida de animais como inscrición e despois entregaraa a unha protectora.
O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que o Concello decidiu que o campamento urbano, que leva 30 anos celebrándose na vila, teña este ano unha temática moi especial para a vila termal: a Fábrica da Luz. O nacionalista apunta que é moi importante que as nenas e nenas da vila coñezan e valoren o seu patrimonio. Destacou que a construción é unha xoia arquitectónica que vén de celebrar o seu 125 aniversario como un símbolo e un importante punto de interese cultural da localidade. A través de diversas actividades, as os participantes explorarán a historia e o funcionamento da estrutura, aprendendo sobre o seu impacto vila, a súa economía e desenvolvemento ao longo dos anos.
O campamento estará dirixido a mozos e mozas nados entre 2011 e 2017 (ambos inclusive), quen terán a oportunidade de gozar de talleres creativos, xogos ao aire libre, visitas guiadas e actividades relacionadas co desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente, todo nunha contorna amigable.
Nesta edición, ademais, como parte do compromiso social do Concello, o campamento terá un enfoque solidario. A inscrición será gratuíta, pero cada participante deberá achegar un mínimo dun quilogramo de alimentos non perecedoiros para animais. Estes alimentos deberán ser entregados o primeiro día do campamento no Edificio Municipal da Tafona.
Todo o que se recolla será doado a unha protectora de animais da contorna, contribuíndo así ao benestar de mascotas e fomentando valores de solidariedade e responsabilidade social entre as e os mozos.
Para obter máis información sobre o campamento, as actividades programadas e o proceso de inscrición, as persoas interesadas poden contactar ao Concello de Caldas a través do correo electrónico omix@caldasdereis.gal ou chamando ao número de teléfono 986 540 110 na extensión 5.
As inscricións están abertas nestes momentos, mais o número de prazas é limitado e cubriranse por orde de chegada. Preferentemente o Concello anima a tramitar a solicitude a través da sede electrónica municipal en https://caldasdereis.sedelectronica.gal, aínda que tamén se atenderán as presentadas presencialmente con cita previa.
O tenente de alcalde Manuel Fariña, responsable da área de Mocidade, convidou a toda a comunidade a participar neste campamento urbano, onde diversión, aprendizaxe e solidariedade daranse a man nun espazo seguro e dinámico: “Agardamos ver a moita rapazada entusiasmada por aprender sobre a Fábrica dá Luz mentres contribúe a unha causa nobre!”.