Lores: “Existe unha discriminación flagrante fronte a outros Concellos ao redor dos convenios da Deputación de Pontevedra”
Pontevedra, 18 de xullo de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores puxo o foco na posición do concello de Pontevedra ao respecto dos convenios existentes coa Deputación de Pontevedra, afirmando que “Levamos tempo avisando de que non se estaba incrementando a aportación a Pontevedra e que hai unha discriminación flagrante fronte a outros concellos”, sinalou o rexedor. “Ao respecto dos outros concellos, agás Pontevedra e Vigo, houbo un incremento moi importante no Plan Concellos e outros, o que elevou case un 40 % estas aportacións económicas desde a Deputación. Mais Pontevedra segue cos seus 2.500.000 euros”.
Lores explicou que hai dez concellos que reciben máis de 2.000.000 euros por parte do organismo provincial —tomando como referencia o peche do exercicio do 2024—, habendo tres concellos que perciben máis ca Pontevedra —sen contar Vigo—: Lalín, Vilagarcía de Arousa e A Estrada. “O concello de Pontevedra está discriminado claramente, así o demostran os datos. Falamos de concellos que nalgúns casos teñen un cuarto dos habitantes que temos nesta cidade. Quixemos traer estes datos porque nos parecía necesario expoñelo”.
Municipios coma Vilagarcía de Arousa, A Estrada ou Lalín perciben unha dotación económica máis alta ca Pontevedra
O alcalde indicou que quere seguir insistindo en que o incremento das contías —que non foi igual en todos os municipios— debería tamén percibirse no de Pontevedra, polo que seguirá esixindo ese trato para coa veciñanza pontevedresa.