CICLO DE SETE CONCERTOS QUE DIALOGARÁN CO SEU PATRIMONIO MONUMENTAL

Barro será escenario do I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia

Presentación do I Festival Ars Longa Gallaecia
Presentación do I Festival Ars Longa Gallaecia
Barro será escenario do I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia

Barro, 16 de xullo de 2025. O Concello de Barro, en colaboración coa Asociación Cultural Ars Longa Gallaecia e as parroquias de Perdecanai e Agudelo, presenta o I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia, baixo o título "Resoando na Pedra. Diálogos sonoros no Patrimonio de Barro". Trátase dunha proposta cultural de alta calidade que celebrará sete concertos entre o 19 de xullo e o 16 de agosto, sempre ás 20:30 horas, en tres dos enclaves patrimoniais máis senlleiros do municipio: a Igrexa de Santa María de Perdecanai, a Igrexa de San Martiño de Agudelo e os xardíns do Pazo da Crega.

O festival nace co obxectivo de poñer en diálogo a música antiga coa arquitectura histórica, cunha programación que aposta pola excelencia artística, a recuperación do patrimonio musical e a creación dun novo espazo de referencia para o público melómano no contexto galego.

A presentación oficial do festival celebrouse ao pé da igrexa románica de San Martiño de Agudelo e contou coa presenza do alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, do concelleiro responsable da área de Cultura, Adrián Silva Magdanela, e do sacerdote das parroquias de Perdecanai e Agudelo, Luis Ángel Roa Márquez. Xunto a eles estiveron tamén os directores do festival, Teresa Paz e Aland López, fundadores da Asociación Ars Longa Gallaecia.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que “Este festival é unha mostra máis do compromiso do Concello de Barro coa cultura de calidade, coa posta en valor do noso patrimonio e coa dinamización do rural a través de propostas que transcenden o local. Convidamos a toda a veciñanza e a quen nos queira visitar a vivir esta experiencia única, onde a música antiga nos axudará a redescubrir espazos emblemáticos do noso concello”.

O programa ofrece repertorios pouco habituais, desde a Idade Media ata o Barroco, con artistas recoñecidos que interpretarán obras con instrumentos históricos. Entre as formacións convidadas destacan Donas Canticum, Manseliña, Locus Musicus, o Conjunto Ars Longa de La Habana, e solistas como Leticia Trueba, Rodrigo López ou Beatriz López, entre outros.

O Pazo da Crega acollerá dous concertos comentados, de carácter divulgativo, sobre instrumentos esquecidos e repertorios históricos pouco coñecidos, a cargo de Aland López (3 de agosto) e Manuel Vilas (10 de agosto).

A entrada será de balde ata completar aforo, e a organización decidiu fixar as 20:30 h como hora de inicio para non interferir coa actividade litúrxica dos templos.

O Festival aspira a consolidarse como un referente cultural en Galicia, ofrecendo sete oportunidades únicas para vivir unha experiencia musical e sensorial irrepetible, que convida a viaxar no tempo a través da arte, a escoita compartida e a memoria dos lugares.

Barro será escenario do I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia