CONCENTRACIÓN. MÉRCORES 2 ÁS 12 H. PRAZA DA FERRARÍA
A organización estudantil "Erguer. Estudantes da Galiza", convoca Folga estudantil polo direito a unha vivenda digna
Pontevedra, 27 de setembro de 2024. Pontevedra, 27 de setembro de 2024.- A organización Erguer. Estudantes da Galiza convoca unha folga estudantil o mércores 2 de outubro como culminación da súa campaña “O estudantado polo dereito á vivenda”, que conta co apoio do BNG. En Pontevedra, terá lugar unha concentración na Praza da Peregrina ás 12h.
Esta mobilización, segundo explican as estudantes, responde á crecente precariedade que está a sofrer o estudantado, debido ao incremento desmesurado do prezo dos alugueres e a falta de vivendas a prezos asequibles nas principais cidades.
“A especulación coa vivenda está a deixar fóra das cidades ás estudantes, convertendo un dereito fundamental nun privilexio para unhas poucas. Non estamos dispostas a aceptalo. Reclamamos unha vivenda digna, accesible e segura para todas!’’ defende Alba Quiroga, responsable de Erguer na comarca de Pontevedra.
Entre as propostas que presenta a organización estudantil, están:
- A creación de vivenda pública con alugueiros a prezos populares para o estudantado.
- A regulación dos prezos do aluguer, freando os abusos especulativos. Erguer esixe que se empreguen todas as medidas para evitar que os prezos sigan subindo de forma descontrolada especilamente nas cidades turísticas.
- O aumento de prazas en residencias públicas estudantís, así como a mellora das infraestruturas das actuais residencias, asegurando que as estudantes poidan vivir en condicións dignas.
O responsábel local do BNG e concelleiro de Educación en Pontevedra explica que “dende o BNG apoiamos ao estudantado porque temos claro que o da vivenda é un problema gravísimo e, mentres tanto, vemos que o goberno de Rueda está máis preocupado das liortas madrileñas que de resolver os problemas dos galegos e galegas”.
Pola súa banda, Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, engade que “Dende Galiza Nova levamos tempo analizando a problemática da vivenda e sabemos que é un impedimento para poder desenvolver correctamente os nosos proxectos de vida, polo que estaremos secundando e apoiando ás estudantes que saen ás rúas por este motivo”.
Erguer. Estudantes da Galiza fai un chamamento a todo o estudantado e ás persoas comprometidas co dereito á vivenda para unirse a esta xornada de loita e visibilizar unha problemática que afecta a milleiros de estudantes en toda Galiza.