A oficina de turismo municipal atendeu a máis de 37.000 visitantes de xuño a agosto, un 6% máis que en 2024
Milleiros de visitantes ateigaron as rúas e prazas de Pontevedra nun mes de agosto cheo de actividades lúdicas e culturais (festas, concertos, exposicións, feiras, citas deportivas,...) e encheron os espazos verdes e os roteiros de natureza que ofrece o concello, na procura dunha alternativa recreativa, saudable e que plantase cara á vaga de calor.
Ata a Oficina municipal de Turismo achegáronse 16.100 persoas en busca de información. Case oito de cada dez –14.064 en termos absolutos– tiñan orixe no estado español.
Nesta ocasión, alixeirouse a concentración de turistas en agosto para incrementarse nos outros dous meses estivais. Unha tendencia que afonda no proceso de desestacionalización do turismo local.
A demanda de información sobre espazos naturais, culturais a festivos centrou a meirande parte das consultas atendidas na Oficina Municipal de Turismo no último mes. A elas sumáronse as tradicionais sobre as visitas guiadas, os monumentos que visitar e o centro histórico e as relacionadas co modelo urbano e a vida na rúa.