A mostra De Eva a Maruxa comezou no CIFP Montecelo a súa itinerancia polos institutos da cidade
A mostra De Eva a Maruxa iniciou –após do seu paso este verán polo primeiro andar do Mercado– unha xira polos institutos da cidade no CIFP Montecelo, onde estará instalada ata o día 26. Será a primeira parada dunha itinerancia que rematará no mes de marzo do 2026 no IES Valle Inclán.
No medio a exposición –promovida polo Consello Municipal da Muller Nova (CMMN) de Pontevedra e a Concellería de Igualdade– poderá verse no CIFP Carlos Oroza, CPR Sagrado Corazón, os IES Luís Seoane, Torrente Ballester, A Xunqueira II, A Xunqueira I, CIFP A Xunqueira e os IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón.
“Temos que sacar da sombra e valorar o traballo das mulleres, na arte como en tantos eidos, e reflexionar porque fomos, e aínda somos, apartadas do debate, do espazo público que nos corresponde” sinala a concelleira de Igualdade. “É un proxecto colaborativo moi ilusionante, porque nace do Consello da Muller Nova, un órgano que reactivamos neste mandato” lembra Gulías, "De Eva a Maruxa é un exemplo de traballo en rede e un exemplo para visibilizar a causa feminista”, resume a concelleira.
Anabel Gulías: “É un proxecto colaborativo moi ilusionante porque nace do Consello da Muller Nova; é un exemplo de traballo en rede e un exemplo para visibilizar a causa feminista”
O deseño, produción e contidos deste proxecto artístico, deste paseo pola historia da arte desde o feminismo, é obra do alumnado e profesorado dos once centros de Secundaria citados, xunto a Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.
Son 24 paneis e 12 xogos interactivos froito do traballo realizado nas aulas durante o primeiro semestre do ano (curso 2024-2025) que fan un percorrido, cunha ollada violeta, pola relación das mulleres coa arte (pintura, escultura, ilustración, muralismo, fotografía...): como imaxe creada e como creadora.
A invisibilidade da muller, o rol das mulleres retratadas, o tratamento do corpo, as artistas que racharon teitos de cristal e as ocultas... son temáticas que emerxen nunha mostra na que hai espazo para render homenaxe a artistas galegas pioneiras e contemporáneas e para obras versionadas de pintoras como Artemisa Gentileschi, Angelica Kauffman, Frida Kahlo ou Maruxa Mallo. De Eva a Maruxa reivindica o dereito das mulleres artistas a ocupar o espazo que lles corresponde.