A obra da reforma integral da Santiña descobre o antigo pavimento da calzada, anterior ao século XVIII
As obras da reforma integral da Santiña non paran de sacar á luz novos achádegos. Así, ven de aparecer o pavimento orixinal do viario, que até o de agora non fora localizado. “Está como un metro vinte por debaixo da cota actual. Hai restos de panos, un enlousado bastante regular”, indicou o concelleiro responsábel, César Mosquera. “Apareceu o venres e estiveron os nosos técnicos estudando, xunto co noso arqueólogo, amais de tres técnicos da Xunta. Está nunha situación moi irregular, dependendo do espazo onde se atope. Nalgúns sitios está medio ben, noutros está estragado. Que se fai con el? Baixar a cota da calzada agora mesmo sería deixar as entradas das fincas e das casas totalmente descolgadas”.
Tal e como explicou Mosquera, a idea é que se documente e que siga co curso normal da obra. “É imposíbel recuperar este pavimento. Se fose algo espectacular e de importancia a súa recuperación... habería que pensalo, pero de momento non foi o caso. Documentarémolo e seguiremos co proxecto, quitando a contorna do lavadoiro.
No referido a ese lavadoiro —semella ser do século XIX—, os técnicos da Xunta de Galiza solicitaron un proxecto de posta en valor e recuperación do mesmo, pois está nun estado “relativamente bo”, e mesmo ofrecería un plus á ruta xacobea que por aquí pasa, unha postura que concorda coa goberno municipal.