O novo Consello Local do BNG, encabezado por Dores Chedas, comeza a preparar as vindeiras eleccións municipais co obxectivo de mellorar a vida das veciñas e veciños de Cuntis
Cuntis, 16 de agosto de 2022. O BNG de Cuntis ven de renovar o seu Consello Local, aprobando por unanimidade a candidatura encabezada por Dores Chedas, e da que forman parte Emilio Blanco, Beti Hervés, Manuel Chao, Natalia Camiña e Irene Álvarez.
Na súa intervención diante da Asemblea, a nova responsábel local, Dores Chedas, quixo agradecer, en primeiro lugar, o traballo do anterior responsábel, Servando Fuentes pola entrega que puxo nestes últimos anos. “Sabemos que podemos seguir contando contigo, Servando, nesta nova xeira que emprendemos con ilusión e gañas de traballar por e para Cuntis”, afirmou Chedas.
A nova dirección política do BNG en Cuntis conxuga experiencia e xuventude, cunha presenza maioritaria de mulleres novas.
“Nun ano temos eleccións municipais, e imos traballar arreo para montar unha candidatura e un programa capaz de mellorar e dinamizar Cuntis. Temos ideas e gañas de traballar e, ademais, contamos cunha organización, o BNG, que está nos seus mellores momentos”, afirmou Dores Chedas.
“Comezamos xa a traballar para presentarlle ás veciñas e veciños un programa centrado en Cuntis, que parta da nosa realidade e atenda ás numerosas necesidades que ten o noso concello. É un reto que asumimos con alegría e co convencemento de que a nosa aportación vai ser importante para o desenvolvemento de Cuntis”.
O BNG é unha organización que está en Cuntis, ao igual que en todo o país, nun proxecto de expansión que temos que afortalar e acrecentar. Este ensanchamento da nosa base militante e da nosa base social vai ser clave para o vindeiro ano Cuntis poda encarar unha nova etapa e situarse como un concello de grande dinamismo e calidade de vida, como son a día de hoxe, os concellos gobernados polo BNG