O BNG pide a limpeza urxente dos accesos aos petróglifos de San Xurxo de Sacos
Cerdedo-Cotobade, 11 de agosto de 2022. Os responsábeis locais do BNG de Cerdedo-Cotobade, Anxo Santomé e Joam Romero, achegáronse até o camiño que leva aos conxuntos dos gravados rupestres do Lombo da Costa, na parroquia de San Xurxo de Sacos, para comprobar in situ a falla de limpeza de matorral que existe no terreo o que dificulta, enormemente, a chegada ata as estacións dos petróglifos. En plena temporada estival, cando as parroquias contan con moita interacción veciñal grazas ao bo tempo e ao intenso calendario festivo, o BNG denuncia o lamentábel estado no que se atopa a contorna dos recursos arqueolóxicos, pois, a pesares de teren anunciado as autoridade locais arranxos e melloras nas estacións de arte rupestre, estas non só non se executan senón que súa visita resulta moi complicada pola falla de limpeza nos seus accesos.
Explica Joam Romero, vicerresponsábel lcoal da formación nacionalista, que “se queremos un turismo de calidade deberíamos ter en óptimo estado os recursos turísticos, especialmente os petroglifos xa que nos aportan entidade e diferenciación na contorna o que podería traducirse nun motor de dinamismo económico para os pequenos negocios das nosas parroquias”.
Anxo Santomé: “Chégannos avisos de xeito habitual da veciñanza e de grupos de visitantes de que os accesos aos petróglifos, especialmente aos do Lombo da Costa, de San Xurxo, están impracticábeis en pleno verán cando maior son as chegadas para desfrutar do noso patrimonio arqueolóxico”.
O BNG ten claro que a conservación, a posta en valor e a promoción dos petróglifos debería ser unha prioridade para o goberno do PP, máxime cando o portavoz municipal, Ernesto Filgueira, ten levado ao pleno municipal varias propostas con esta finalidade, sempre rexeitadas por Jorge Cubela. O BNG reclama un plan de limpeza perimetral para as laxes dos petróglifos do Lombo da Costa, actualizar o inventario de arte rupestre da parroquia, crear unhas estacións de observación coa súa correspondente sinalización e segundo apunta o responsábel local, Anxo Santomé, “para conquerir a creación dun produto turístico en torno aos petróglifos, ademáis de telos adecentados e con accesos limpos e accesíbeis, é imprescindíbel apostar por un plan de creación de identidade de marca e unha boa campaña de promoción”.