O BNG esixe a José Flores, novo xerente da área sanitaria, que cumpra con Poio
Poio, 9 de agosto de 2022. O BNG de Poio reclama que a substitución na xerencia da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés non quede nun cambio de caras e que se cubran as prazas necesarias para a correcta atención da veciñanza do concello.
Logo do peche e reapertura do consultorio de Raxó nas últimas semanas, para o BNG hai situacións que requiren dunha solución inmediata. “En primeiro lugar, o Centro de Saúde de Anafáns permanece pechado pola tarde dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro por “razóns organizativas”, mentres que no de Raxó só se atopa o médico titular, e, cando falta por calquera motivo, non se cubre, e en Combarro o Sergas tivo que unificar o servizo con Anafáns para poder garantir a asistencia médica de ambos centros”, apuntan.
A organización nacionalista recorda novamente que se está a vivir unha situación crítica no municipio, que require de maneira urxente que se destine máis persoal para os seus centros de saúde
Porén, a cuestión máis grave segue a ser a da pediatría, xa que Poio leva máis de 20 días sen pediatra, tendo que asumir o persoal de medicina de familia as urxencias pediátricas entre as propias consultas programadas.
É por iso que desde o Bloque esixímoslle ao novo xerente da área, José Flores, que solucione de maneira urxente estas cuestións.
A situación sanitaria leva anos empeorando en Galiza e en concreto en Poio, froito dun modelo de xestión do goberno do Partido Popular na Xunta que se mostrou ineficiente, colapsando todos os anos e moi agravado desde a pandemia. É fundamental un cambio de rumbo nas políticas sanitarias que reforcen un servizo público fundamental para toda a veciñanza.