O Centro de saúde de Tenorio sen persoal médico. O BNG denuncia o deterioro galopante da atención primaria en Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 3 de agosto de 2022. Ernesto Filgueira denuncia que a atención sanitaria en Cerdedo-Cotobade vai de mal en pior. Así, a ausencia de persoal médico en Cerdedo súmaselle no mes de agosto o centro de saúde de Tenorio, que quedou sen médico por vacacións do titular, e o SERGAS só se cubrirá algúns días esta praza.
Esta situación obriga ás persoas doentes a dirixirse ben ao centro de saúde de Carballedo, que ten a un só médico, en lugar dos dous que debería ter, ben á Parda, en Pontevedra.
“Esta situación de ataques continuados á sanidade pública non se pode consentir por máis tempo. Os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade non merecemos o desprezo cos que nos trata a Xunta do PP”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira.
Ernesto Filgueira insta ao alcalde que non fique de brazos cruzados diante a neglixente política sanitaria da Xunta, e anuncia mobilizacións en caso de que non se solucionen os graves problemas existentes
Desde o BNG comprometémonos a seguir traballando para lograr que a atención sanitaria en Cerdedo-Cotobade volva á normalidade. Farémolo desde as institucións (levaremos de novo o tema ao Parlamento), e “non descartamos mobilizacións no caso de que non se atendan as xustas demandas da veciñanza”, declarou Filgueira.
“Pero ao mesmo tempo en que levaremos esta ofensiva institucional e social, esixímoslle a Jorge Cubela que deixe a súa política de brazos cruzados e traballe en favor da veciñanza, que levante dunha vez por todas a voz contra a Xunta do PP que está a deixar a 5600 veciños con só un médico e outro intermitente e cuns servizos de enfermería completamente saturados, con atención pediátrica moi deficiente e mesmo sen matrona. Jorge Cubela debe dar a cara. Na situación sanitaria na que se atopa Cerdedo-Cotobade non vale só con que remita unha carta ao SERGAS para facer que fai algo. Hai que actuar. Demandámoslle que actue, que exerza de alcalde, aínda que para iso teña que enfrentarse ao seu propio partido, que é o causante desta situación tan grave que estamos padecendo todos os veciños e veciñas”, concluíu Filgueira.