Os Feroz continúan coas actividades previas a entrega de premios
Pontevedra, 11 de decembro de 2025. Os Premios Feroz estenden a súa programación a decembro co ciclo literario ‘Palabra de Cine!’ na Fundación Moldes, e a presentación das tres series con máis candidaturas aos Premios Feroz 2026.
Após a intensa actividade de novembro e a proxección das películas “Romería” e “Los domingos” candidatas aos Premios Feroz, a programación vinculada a esta celebración continúa en decembro cunha nova proposta cultural: o ciclo ‘Palabra de Cine! Literatura e cinema en diálogo’. Esta iniciativa busca ofrecer unha ollada máis ampla e repousada sobre a sétima arte, indo máis alá da pantalla para reflexionar a través dos libros e a palabra escrita.
O ciclo desenvolverase na sede da Fundación Manuel Moldes (Rúa Javier Puig, 3) os días 12, 16 e 23 de decembro. O espazo non foi escollido ao chou: as asistentes poderán gozar da exposición Bicos de cine, unha homenaxe pictórica que o artista pontevedrés Manuel Moldes creou en 1992. Esta serie, recuperada agora aproveitando o latexo cinematográfico da cidade, captura a “sacudida emocional” e o “misterio” do bico na gran pantalla, amosando unha faceta moi descoñecida do pintor onde conflúen a expresividade do corpo e a iconografía pontevedresa.
A condución do ciclo correrá a cargo do xornalista cultural Ramón Rozas, licenciado en Historia da Arte, é xornalista, crítico de arte e escritor. Rozas guiará as conversas que percorrerán dende as orixes tecnolóxicas do cinema en Galicia ata a análise das series actuais e a ensaística cinematográfica.
Programación
Venres 12 de decembro, 19:00 h | As Orixes: Enrique Barreiro
A primeira sesión estará dedicada á recuperación da memoria histórica coa presentación de ‘Enrique Barreiro. As orixes do cinema en cor’, coa participación de Carlos Aurelio López, autor do libro e Taller Abierto, colectivo formado polas arquitectas Ana Barreiro e África Martínez, que dende 2013 desenvolven proxectos culturais e expositivos baseados na innovación e a participación cidadá.
Martes 16 de decembro, 19:00 h | A Realidade na Ficción, por Raquel Piñeiro, xornalista e escritora. Especializada en cultura, cine e gastronomía.
Martes 23 de decembro, 19:00 h | Conversa Cinéfila, con Diego Moldes, historiador de cinema e doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense.
Todas as sesións son de acceso libre até completar cabida.
Superestar, Yakarta e Poquita fe
Continuando coas actividades previas aos Premios Feroz 2026, o Teatro Principal acollerá ás 19.00 h. a proxección de capítulos de tres das series con máis nominacións: Superstar, Yakarta e Poquita fe. As entradas (máximo dúas persoas) poderán retirarse desde 7 días antes das proxeccións na oficina de turismo do Concello, en Montero Ríos
O xoves 18 proxectaranse capítulos de Superestar e posterior coloquio co seu creador, Nacho Vigalongo e as actrices Ingrid García-Jonsson e Rocío Ibáñez.
O venres 19 proxectaranse capítulos de Yakarta e posterior coloquio co seu creador, Diego San José e a actriz Carla Quílez.
Por último, o venres 26 terá lugar a proxección de capítulos de Poquita fe e posterior coloquio cun dos seus creadores, Pepón Montero e a actriz Julia de Castro