O concello de Pontevedra aproba por unanimidade a transferencia á Xunta da UAD

Anabel Gulías
Anabel Gulías
O concello de Pontevedra aproba por unanimidade a transferencia á Xunta da UAD

Pontevedra, 10 de decembro de 2025. O pleno do concello de Pontevedra pon fin a unha inxustiza histórica, ao aprobar, por unanimidade, a transferencia da UAD (Unidade de Atención a Drogodependentes) á Xunta de Galiza, que é quen tiña que asumila desde o primeiro momento, por ser un ámbito da súa competencia.

Para a responsable de política social do goberno municipal, Anabel Gulías, a demora de case vinte anos para que a Xunta asumise a transferencia dun servizo sanitario que tivo que xestionar impropiamente o Concello durante todo este periodo, é algo que resulta inexplicábel. Foron anos e anos de xestións para que hoxe poida ser unha realidade a transferencia ao SERGAS da UAD.

"Era unha competencia impropia que nunca debeu ser traspasada aos concellos", afirmou Gulías na súa intervención, xa que ademais de contar con persoal médico, no caso de Pontevedra, atendía, ademais, a pacientes de outros once concellos.

A  transferencia á Xunta foi unha demanda do goberno municipal de Pontevedra que, durante estas case dúas décadas, mantivo sempre a mesma postura: a UAD tiña que ser transferida ao SERGAS por ser un servizo sanitario, e para mellorar a calidade asistencial. “Sempre demos todas as facilidades para que isto se fose unha realidade”.

Anabel Gulías aledouse do cambio de opinión da Xunta, reaccia até agora a facerse cargo da unidade de atención a drogodependentes, e lembrou pasadas declaracións do portavoz do PP, Rafa Domínguez, quen calificara de “tomadura de pelo” a petición de transferencias. “A Xunta só acerta cando o desautoriza”, afirmou a edil nacionalista.

Todo o persoal sanitario da UAD se integrará no Sergas e o administrativo, (un informático) no Concello. Unha das traballadoras sociais, ademais, pasará a reforzar o departamento municipal de servizos sociais.

O Concello cederá de forma provisional á Xunta o uso das dependencias da UAD até a sinatura do convenio definitivo e todos os contratos vencellados ao seu funcionamento, entre eles a limpeza e seguridade, que pasarán a ser asumidos desde xa polo Sergas.

O concello de Pontevedra aproba por unanimidade a transferencia á Xunta da UAD