Nova humillación á sanidade pública de Soutomaior
Soutomaior, 2 de xullo de 2020. O Sergas acaba de levar adiante un novo recorte na sanidade pública de Soutomaior. A pesar de que o municipio padece dende hai xa varios anos un desmantelamento constante da sanidade pública, a Xunta de Galiza quixo ir un paso máis alá nestes días para, tal e como denuncian representantes dos traballadores, deixar a sanidade pública de Soutomaior nunha situación límite.
Esta situación prodúcese despois de que, tal e como ven denunciando o BNG, o SERGAS impoña uns cupos sanitarios tan elevados que provocan colapsos continuos na atención primaria; non cubra as baixas de médicos/as, enfermeiros/as, nin pediatras ou manteña pechado o consultorio de Soutomaior, obrigando aos veciños e veciñas a pagar taxis para recibir atención sanitaria.
Esta situación, que xa motivou varias manifestacións da veciñanza, viuse agravada despois de que o SERGAS pechase tamén o consultorio de Romariz e ademais decidicise recortar tamén nos médicos de Arcade suplindo a baixa dun dos facultativos con profesionais dos PAC´s que só poden atender á veciñanza 4 horas ao día.
O SERGAS non cubre as vacacións dos médicos e reduce á metade a atención sanitaria do municipio.
Pero por se todo isto non fose dabondo, nestes días, a Xunta de Galiza decidiu que non ía tampouco cubrir as vacacións doutro dos médicos o que empezou a provocar problemas e tensións na atención sanitaria dende o primeiro día. Con este novo recorte o Concello de Soutomaior queda unicamente cun médico e outro a media xornada para atender un municipio de 7.500 habitantes.
O BNG convoca unha manifestación este domingo día 5 en defensa da sanidade pública para dar resposta a esta nova humillación
O portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo destacou que “ esta nova humillación do SERGAS á veciñanza de Soutomaior supera todas as liñas vermellas. No PP terán que explicar que é o que lle fixeron as nosas veciñas e veciños para tratalos deste xeito. Un médico e medio para atender a un concello de 7500 habitantes é simplemente unha agresión humillante que de ningunha maneira imos consentir.
Animamos a toda a veciñanza de Soutomaior que crea na sanidade pública a que se manifeste na mañá deste domingo día 5 con nós en defensa da sanidade pública para deixarlles claro que non imos permitir que xoguen coa saúde das veciñas e veciños de Soutomaior.