Lores asegura que o 12X é "unha ocasión única para dar un salto adiante"
Pontevedra, 1 de xullo de 2020. "Eu creo que esta é unha ocasión única para dar un salto adiante para que o BNG encabece un Goberno cunha presidenta como Ana Pontón" asegurou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto informativo de rúa no que participou cun grupo de militantes e concelleiros e concelleiras. Fernández Lores aproveitou para lembrar que son as políticas postas en marcha desde gobernos encabezados polo BNG as que realmente son "transformadoras, dinamizadoras, e que xeran calidade de vida e actividade económica".
Neste sentido, botou man do traballo realizado desde o Concello de Pontevedra en cuestións que, asegurou, "son referencia mundial en moitísimos dos aspectos da vida municipal, como a recuperación do espazo público, a aposta polo medio ambiente, a redución da contaminación, a loita contra o cambio climático, ou a aposta pola economía circular e pola compostaxe". Indiciou que, tomando como referencia esta forma de facer política, "Galiza podería ser, se goberna o BNG, un exemplo de como hai que facer as cousas, porque temos un país rico pero mal desenvolvido pola ausencia de políticas económicas". Tamén reivindicou a necesidade de "crer no país e ter confianza na súa xente para facer políticas transformadoras".
O alcalde de Pontevedra salienta a corrente de simpatía que o BNG está espertando nesta campaña electoral e afirma que unha Xunta presidida por Ana Pontón "sería un avance importante para Pontevedra e para Galiza"
Como contraposición de políticas que aposten polo desenvolvemento, Fernández Lores citou "estes últimos 11 anos nos que temos un resultado desde o punto de vista económico e social desastroso, con perda de poboación, triplicando a débeda pública, o deterioro dos servizos públicos, e a emigración de moitísimas persoas novas e formadas". Unha situación que achacou a que "nin o Partido Popular nin Feijoo teñen un proxecto para este país".
Por último, o alcalde tamén salientou a corrente de simpatía que está espertando o BNG durante esta campaña e fixo un chamamento a todos os pontevedreses e pontevedresas para apostar o vindeiro 12 de xullo por "Ana Pontón como presidenta da Xunta, porque desde logo sería un salto adiante, porque ter un goberno que te entenda, un goberno que acompañe e que axude, e que non poña paus na roda, sería un avance importante para Galiza e para Pontevedra".