Nestor Rego, participará este sábado nunha concentración para demandar melloras na accesibilidade e seguridade na N-541 en Calvelo (Cerdedo-Cotobade)
Cerdedo-Cotobade, 21 de outubro de 2021. O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, cumprindo co compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Calvelo, deu conta das iniciativas que a organización nacionalista presentou tanto no Concello como no Congreso demandando a urxente mellora na accesibilidade e seguridade da N-541 ao seu paso pola parroquia.
Para urxir á mellora da estrada, O BNG convoca unha concentración á que anima a todos os veciños e veciñas a asistir, para o vindeiro sábado 23 ás 12 da mañá fronte ao Café Obelix, que contará coa participación do deputado no Congreso, Nestor Rego, quen previamente manterá unha reunión con veciños e veciñas no Bar Obelix.
A concentración terá lugar o sábado 23 ás 12 fronte ao almacén de Celso Míguez en Calvelo. Previamente Nestor Rego manterá unha reunión con veciños e veciñas do lugar
O BNG demandará no Congreso:
- Un paso elevado que permita a comunicación dos dous lados de Calvelo
- A creación dun carril de incorporación dirección Ourense á altura do café Obelix
- A creación dunha plataforma peonil paralela á estrada, que garanta o acceso seguro dende Calvelo até Tenorio, onde se atopan os servizos básicos coma o supermercado, a carnicería, o centro de saúde ou os centros escolares.
Por se fose pouco, Ernesto Filgueira denunciou que o estreito arcén da estrada e unha marquesiña que se asulaga cando chove crean problemas engadidos non só de accesibilidade, senón tamén de seguridade, de forma especial para os nenos e nenas e para as persoas maiores que utilizan este arcén e a marquesiña.
O BNG -anunciou Filgueira- “vai seguir insistindo con todas as nosas forzas até lograr que o ministerio de Fomento poña solucións aos actuais problemas de accesibilidade e seguridade na N-541 en Calvelo”.