A Valedora do Pobo iniciará unha investigación sobre a situación sanitaria en Poio
Poio, 20 de outubro de 2021. A Valedora do Pobo manifestou o seu compromiso de iniciar unha investigación para estudar a denuncia presentada polo BNG a respeito da situación crítica que sofre a atención primaria no concello de Poio. Este compromiso produciuse despois dunha reunión mantida esta mañá con representantes do BNG do concello de Poio, onde se puxo en coñecemento as consecuencias para a veciñanza de non cubrir de forma permanente unha praza que atende a 1500 pacientes (facultativa que cubre os centros de saúde de Anafáns e Combarro).
Compre lembrar que na actualidade conta cun médico para atender a 1500 persoas de dous cupos que se amortizaron nunha soa praza hai xa varios anos. A principios do presente ano, a facultativa que atendía os centros de Anafáns e Combarro trasladouse a outro municipio, e o SERGAS non cubríu a praza, provocando listas de agarda de máis de vinte días para unha cita médica.
MARGA CALDAS: "1500 veciños e veciñas seguen sen ter médico asignado e sen poder acceder a atención médica; as listas de agarda sobrepasan os vinte días, os cupos están desbordados e a escaseza de persoal sanitario é manifesta"
Na actualidade, pois, 1500 veciños e veciñas seguen sen ter médico asignado e sen poder acceder a atención médica; as listas de agarda sobrepasan os vinte días, os cupos están desbordados e a escaseza de persoal sanitario é manifesta, unha situación que a responsábel nacionalista, Marga Caldas, non dubida en calificar de “vulneración do dereito protección da saúde das persoas”.
“Dende o BNG presentaremos un documento no que se defenderá o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna, demandando a cobertura do persoal de maneira permanente e estábel”, afirmou a responsábel local nacionalista, ao tempo que manifestou a súa esperanza de que o proceso de investigación aberto pola Valedora do Pobo serva como primeiro aviso á Xunta de Galiza, para que cumpra dunha vez por todas coa súa obriga de garantir unha atención sanitaria digna para todos os veciños e veciñas de Poio