Nestor Rego anuncia unha emenda aos Orzamentos do estado para mellorar a seguranza viaria da N-541 en Cerdedo-Cotobade
Sábado 23 de outubro de 2021. O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, participou o sábado 23 na concentración veciñal en Cerdedo-Cotobade para demandar melloras na accesibilidade e a seguranza viaria na N-541 á altura de Calvelo. Rego, acompañado de militantes da organización e o voceiro municipal do BNG, Ernesto Filgueira, anunciou o rexistro dunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para levar a cabo unha actuación ante a falta de seguranza para viandantes e a carencia de sinalización e iluminación, entre outras.
A concentración levada a cabo no núcleo de poboación de Calvelo, en Cerdedo-Cotobade, á altura do almacén de Celso Míguez realizouse posteriormente a un encontro que mantiveron o deputado no Congreso do BNG, Néstor Rego, e o voceiro municipal, Ernesto Filgueira con veciños e veciñas. Nesta xuntanza, a formación nacionalista deu conta das iniciativas rexistradas a nivel municipal- que contou co apoio unánime da corporación municipal- e na cámara baixa do Estado, así como da emenda presentada nos anteriores OXE.
“É preciso consignar unha dotación orzamentaria para esta actuación. A falta de seguranza para os viandantes, a carencia de sinalización e iluminación, poñen en risco aos peóns e vehículos” explica o deputado do BNG no Congreso. Rego urxe realizar melloras neste treito para garantir a seguranza viaria da zona entre as que citou a construción de dúas rotondas, unha altura do almacén de Celso Míguez e outra á altura da gasolineira.
O deputado nacionalista participou na concentración veciñal e demanda ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que actúe para solucionar os problemas de seguranza e accesibilidade en Calvelo
Así mesmo, o deputado considerou imprescindíbel realizar a reposición do pavimento cunha base antideslizante, igual que a mellora dos peraltes. “As zonas máis afectadas son a urbanización das travesías de Dorna en Santa María de Sacos, Barbeitos e A Longa en San Xurxo, Viascón e Tenorio” enumera o voceiro municipal, Ernesto Filgueira. Da mesma maneira, son precisas as melloras na entrada este de Cerdedo e nos accesos do Cádavo e Cutián de San Xurxo.
Neste sentido, Rego anuncia o rexistro dunha nova emenda no Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado, da mesma maneira que fixo nos de 2021, para demandar a construción dun paso elevado “que permita a comunicación para os peóns dos dous lados de Calvelo” e a creación dun carril de incorporación dirección Ourense á altura do café Obelix.
“Tamén, nesta emenda, queremos que o Goberno do Estado constrúa unha plataforma peonil paralela á estrada, que garanta o acceso seguro de Calvelo até Tenorio, onde se atopan os servizos básicos como o supermercado, a carnicería, o centro de saúde e mesmo os centros escolares” enfatiza Rego.
Así mesmo, a formación nacionalista incidiu nos graves problemas que supón ter un estreita beiravía da estrada e unha marquesiña que se “asolaga cando chove e crea problemas engadidos non só de accesibilidade, senón tamén de seguranza”. Destaca que, o problema agrávase de maneira especial para as crianzas e para as persoas maiores que empregan a beiravía e a marquesiña en diversas ocasións. “O BNG vai seguir insistindo con todas as forzas para lograr que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana poña solucións aos actuais problemas de accesibilidade e seguranza na N-541” conclúen.