Mosquera pide unha reformulación da próxima Bienal ao confirmar que o Edificio Castelao do Museo tivo menos visitas en 2025 que en 2024 durante os meses da mostra
Pontevedra, 11 de febreiro de 2026. O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, puxo hoxe en evidencia, unha vez máis, a falta de xestión do goberno provincial do PP en relación ao Museo e a Santa Clara. Por unha parte, o nacionalista pediu unha reformulación da próxima Bienal de 2027 ante o que considerou nulo impacto da mostra no número de visitas ao Edificio Castelao, sede principal do certame. Por outra, Mosquera destacou que o PP xa “tirou a toalla” no que respecta a iniciar as obras en Santa Clara e os edificios centrais este mandato. Subliñou tamén que a desidia do Partido Popular sobre o futuro do convento é tal que tiveron que ser as monxas as que reclamaron á Deputación o pago dos bens que estaban en depósito (os retablos, o coro, o órgano, o púlpito e o altar maior) ao ver que pasaban os prazos e o goberno provincial non cumpría coas súas obrigas.
Mosquera admitiu que a Bienal deste 2025 foi o evento cultural máis caro dos realizados en Pontevedra nos últimos anos, cun orzamento oficial que na realidade roldou os 2 millóns de euros. Ante este desembolso económico e tamén de recursos, o nacionalista solicitou ao goberno do PP unha avaliación seria do impacto real que tivo, “xa que é o correcto cando se invisten recursos públicos”, pois considera que a cifra de 125.000 visitas foi “precipitada e incorrecta”.
Neste sentido, o voceiro do Bloque puxo sobre a mesa os datos oficiais de visitas ao Edificio Castelao, sede expositiva principal da Bienal, entre xuño e setembro deste ano e do pasado: 27.857 persoas en 2025 fronte a 28.060 nese mesmo período en 2024. “Houbo 203 visitas menos no 2025 que no 2024. A Bienal non se notou para nada na sede central do Museo despois dun investimento de tal calibre. Non dan as contas. Non se atopou a vía para acadar un impacto que xustifique o desembolso dos fondos que se gastaron. Os resultados deberían levar a unha reflexión”, sentenzou.
Asegurou que, só contando as visitas ás Ruínas de San Domingos (onde había unha obra da Bienal, mais realmente é sempre punto de atracción turística), e Santa Clara (onde tamén había obra pero boa parte das visitas pódense entender para ver o propio inmoble), se acada a cifra de público “vendida” pola Deputación para a Bienal.
Por isto, Mosquera destaca que se se pretende seguir organizando a Bienal e facendo un esforzo grande de recursos é preciso replantexar a proposta e buscar novas fórmulas que melloren o seu resultado real.
Edificios
En relación aos edificios centrais do Museo e Santa Clara, Mosquera subliñou que o actual goberno do PP leva 30 meses sen que se fixera nada salvo “dar pasos atrás”. Asegurou que a sensación é que os ‘populares’ xa “tiraron a toalla” no obxectivo de iniciar obras neste mandato, xa que quedan outros 14 meses nos que resultará difícil cumprir prazos para facer as catas e escavacións que restan, ter novos informes, modificar proxectos e licitar as reformas dos inmobles. “A este ritmo que cada trámite pequeno leva meses, e meses, e meses (...), botando contas, vai ser imposible”, destacou.
En relación a Santa Clara, de feito, subliñou que non hai novidade “nin indicios de que estea habendo xestións” sobre as novas entradas ao convento, nin por Barcelos -para o que debería haber negociacións co Concello- nin pola rúa Santa Clara a través do edificio das obras misionais, unha compra que xa quedara pechada no anterior mandato, pero que segue sen frutificar finalmente. “A licencia tampouco está pedida e iso que Domínguez dixo que verbalmente Patrimonio daba o seu ok”, subliñou.
“O prazo do 2027 non se vai cumprir, e non é porque non quedaran cartos, que os había, e se van perder coa liquidación do orzamento”, destacou o nacionalista.
Bens de Santa Clara en custodia
Finalmente, Mosquera referiuse aos bens de Santa Clara que a Deputación tiña en réxime de custodia (o retablo maior, os laterais, o púlpito, a sillería do coro e o órgano). “Os feitos ben pouco teñen que ver co que o vicepresidente puido contar”, destacou en relación á rolda de prensa previa de Domínguez.
O deputado do BNG lembrou que na escritura de compraventa do convento quedara establecido que se nun prazo de catro anos esas propiedades non eran retirados polas relixiosas, pasarían a ser de titularidade da Deputación de maneira automática o 1 de decembro de 2025 ao ter subrogado as obrigas de compra do Concello. Segundo a escritura, os prezos de adquisición debían abonarse no prazo máximo de 30 días naturais dende a adquisición da titularidade, é dicir, como máximo o 1 de xaneiro deste 2026.
Segundo explicou Mosquera, á Deputación pasáronselle estes prazos sen ter feito ningunha xestión, polo que tiveron que ser as monxas as que, o pasado 28 de xaneiro, alertaran de que o cumprimento xa estaba vencido e, formalmente a través de Rexistro, formularan requirimento de abono das cantidades acordadas. Foi entón cando o goberno do PP comezou a buscar fórmulas para ver como facía fronte ao pago, ao non haber partidas orzamentarias aprobadas para tal.
“Dicían que había preocupación porque as monxas puideran levar todo. Mais a preocupación por Santa Clara é tal que deixaron pasar os prazos. Un papel pódeselle pasar a calquera, pero todo vai con semanas, meses de atraso”, queixouse Mosquera, quen lembrou que cando as relixiosas reclamaran o retablo da Virxe dos Desamparados xa manifestaran a súa vontade de deixar quedar o resto de bens, polo que a Deputación podería ter iniciado os trámites para facerse coa propiedade.
Agora, destacou o nacionalista, o goberno da Deputación xa debería ter en marcha os proxectos de rehabilitación e recuperación deses bens, “do órgano, dos retablos se teñen couza...”, mais subliñou que, diso, tampouco hai nada. Con todo, Mosquera finalizou asegurando que a súa máxima preocupación con Santa Clara é o retraso na xestión da obra, posto que co mal tempo e o estado actual da construción, pode haber problemas e “caer abaixo” calquera elemento.