O Eixo Atlántico alerta sobre a calor extremo ante un exceso de mortalidade de ata o 60 % en cidades da Galiza e do Norte de Portugal
Pontevedra, 11 de febreiro de 2026. O Eixo Atlántico presentou o informe “Planificación do espazo público urbano para a mellora da saúde humana e ambiental”, dirixido por Francesc Cárdenas, director da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico e ex Xefe de Planificación da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona. O documento analiza a situación das cidades do Eixo Atlántico e propón estratexias para integrar a saúde en todos os procesos de planificación urbana e territorial, con especial atención ao deseño do espazo público.
O estudo alerta sobre os efectos da calor extrema na Galiza e no Norte de Portugal, revelando que cidades como Porto, Viana do Castelo, Ourense, Braga, Guimarães e Lugo rexistraron un exceso de mortalidade dun 50 % a un 60 % durante os recentes episodios de altas temperaturas. Enfrontando esta situación, o informe recomenda fomentar a “cultura da calor”, que inclúe cidades adaptadas, refuxios climáticos e plans de actuación vagas de calor, así como a implementación de estándares máis estritos de calidade do aire e control do ruído para mellorar a saúde ambiental e humana.
Boas prácticas municipais
O informe incorpora 19 fichas de referencia e exemplos concretos de boas prácticas en municipios do Eixo Atlántico, demostrando como o urbanismo pode combinarse coa natureza e o benestar cidadán. Entre as iniciativas destacadas atópanse:
- Pontevedra: A promoción da Autonomía Infantil en todos os eidos
- A Coruña: Corredores ecolóxicos urbanos e microespazos verdes.
- Ourense: Rutas termais saudables e plan de cidade arborada.
- Braga: Programas comunitarios BragaHabit.
- Bragança: Parque temático Da Trajinha.
- Carballo: Rede de sendas ciclo-peatonais Cicl-ando.
- Culleredo: Corredores verdes e renaturalización urbana (Culleredo Vive Verde).
- Gondomar: Programas de saúde, promoción do deporte e da cultura ao aire libre.
- Deputación de Lugo: Programa de sendas peonís seguras en concellos rurais.
- Guimarães: Proxecto participativo Palácio da Imaginação.
- Ourense: Rutas Termais Saudables e Ourense, Cidade Arborada.
- Vigo: Vía Verde de Vigo (transformación dunha antiga vía férrea en corredor peonil-ciclista) e Alcabre Verde.
- Vilalba: Paseo fluvial e literario “Paseo dos Soños” (río Madalena).
- Viana do Castelo: Reforestación e creación de “Ilhas de Sombra”.
- Porto: Parque Central da Asprela.
O documento subliña que a planificación urbana condiciona directamente a saúde a través de factores socioeconómicos e ambientais, e destaca a necesidade dun cambio Cultural na forma de planificar as cidades, integrando biodiversidade e espazos públicos.
Durante a súa intervención, o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia deste tipo de estudos, avogando por unha "planificación global" que poña o foco na recuperación do espazo público, a mellora da calidade de vida e do aire, e a "ausencia de violencia viaria"