Mosquera: “Un novo PXOM reduciría á metade a capacidade edificatoria en Pontevedra, provocando un encarecemento drástico do prezo da vivenda”

César Mosquera
César Mosquera
Mosquera: “Un novo PXOM reduciría á metade a capacidade edificatoria en Pontevedra, provocando un encarecemento drástico do prezo da vivenda”

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2026. O concelleiro de Infraestruturas do Concello de Pontevedra, César Mosquera, afirmou que impulsar un novo plan urbanístico na actualidade, se a Xunta non garantiza que se vai subir a edificabilidade actual, suporía reducir á metade a capacidade edificatoria no municipio e paralizar as licenzas durante polo menos dous anos —o tempo legal de suspensión—, estrangulando o mercado do solo e provocando un encarecemento drástico da vivenda no municipio.

Mosquera lembrou que no 2010 estimábase que, co actual Plan Xeral, poderíanse construir entre 22.418 e 24.000 novas vivendas.

Se temos en conta as 2.800 vivendas novas construidas desde 2012, e o Plan de Infraestruturas e Actuacións (PIA) que supuxo un incremento potencial duns 1.350 fogares, o balance final é unha redución neta duns 1.450 fogares respecto ás previsións iniciais. Con estes axustes, “a edificabilidade nos soares situaríase a día de hoxe entre as 20.968 ás 22.550 vivendas posíbeis”.

Mosquera lembrou tamén que no PXOM presentado polo Concello en 2010 prevíase unha capacidade para 30.045 vivendas, que a Xunta considerou excesiva e trasladou, de maneira oficiosa, que o máximo asumíbel estaría arredor das 12.000 vivendas, o que implicaría, eliminar case a metade da capacidade construtiva vixente.

O cambio de criterio por parte da Xunta produciuse arredor de 2009. Neste sentido, Mosquera lembrou que o PXOM de Vigo aprobado en 2008, contemplaba máis de 116.000 novas vivendas. A anulación do PXOM en 2015 por temas que non tiñan que ver coa edificabilidade, obrigou a Vigo a elaborar un novo planeamento, no que, co novo criterio da Xunta, a capacidade edificatoria reducíase drásticamente até as novas 51.000 vivendas, un 56% menos.

Isto derivou nun asunto non menor: a día de hoxe o concello de Vigo ten 70 contenciosos de propietarios de soares anteriormente edificábeis que deixaron de selo ou reduciron drasticamente a súa edificabilidade.

Con estes antecedentes, o concelleiro de Infraestruturas sinalou que, de iniciarse agora un novo PXOM, a Xunta probablemente só permitiría entre 8.000 e 12.000 vivendas novas, o que suporía tamén unha redución próxima ao 50 % da capacidade edificatoria actual, e estrangularía o mercado dos soares, provocando un encarecemento drástico da vivenda no municipio.

Mosquera: “Un novo PXOM reduciría á metade a capacidade edificatoria en Pontevedra, provocando un encarecemento drástico do prezo da vivenda”