O BNG leva á Deputación unha moción para rexeitar o tratado de Mercosur e esixir unha mellora dos fondos da PAC

Manuela Rodríguez
Manuela Rodríguez
O BNG leva á Deputación unha moción para rexeitar o tratado de Mercosur e esixir unha mellora dos fondos da PAC

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2026. O BNG vai levar ao próximo Pleno da Deputación unha moción para rexeitar de maneira clara e rotunda o tratado de Mercosur e esixir unha mellora do financiamento destinado a Galiza nos  fondos da Política Agraria Común (PAC) da UE. Segundo o Bloque, tanto o acordo de Mercosur como a baixa de axudas suporía moi graves repercusións para o sector agrogandeiro, especialmente nas comarcas do Deza Tabeirós, onde se sitúan o 70% das explotacións da provincia e onde o sector primario supón máis do 18% do PIB. 

O grupo nacionalista presenta a moción na Deputación para esixir ao PP e o PSOE provinciais que se posicionen claramente e que adopten “accións políticas decididas”. A intención é presionar dende todas as frontes á Xunta e ao Estado español para fomentar cambios nas políticas agrarias e a posta en marcha de medidas que revertan a actual tendencia de desmantelamento dos sectores produtivos galegos, aliñándose así coas xustas reivindicacións do sector agrogandeiro do país en favor da pervivencia do medio rural. 

“Tanto populares como socialistas manifestáronse publicamente a favor destes acordos comerciais e orzamentarios, que son totalmente inaceptábeis, sen ter en conta o lesivos que son para o noso país. O medio de vida de moita xente está en xogo e é necesario un xiro dos partidos estatais se realmente queren defender Galiza”, subliña a deputada Manuela Rodríguez. A nacionalista afeou especialmente o “papelón” de Alfonso Rueda, quen defendeu o acordo con Mercosur na súa viaxe a Uruguai cunhas declaracións que agora trata de agochar, e do PP en Bruxelas, que rexeitou aumentar o amparo das explotacións agrogandeiras galegas cunha cláusula de salvagarda proposta polo BNG cando se debateu o tratado na UE. 

O Bloque destaca que a entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente no sector avícola e no da carne de vacún, vai ter graves repercusións para Galiza, pois chegarán libres de aranceis e farán competencia aos de proximidade sen cumprir os estándares e controis esixidos á gandería galega pola Unión Europea nin tampouco garantir condicións laborais dignas, o suporá unha clara desestabilización do mercado. Como exemplo, segundo as cifras publicadas, a entrada de carne de vacún será de 99.000 toneladas, cantidade moi semellante á produción anual de Galiza (95.600). 

O grupo do BNG na Deputación destaca que o impacto do acordo de Mercosur será especialmente gravoso para as comarcas do Deza Tabeirós, onde están o 69% das explotacións de bovino (2.617) -con tres vacas por cada habitante, aproximadamente-, o 72% das de porcino (616) e 70% das avícolas (414) da provincia de Pontevedra. Rodríguez destaca que ambas comarcas teñen unha alta carga gandeira e que esas explotacións sosteñen o emprego, o territorio e boa parte da economía. 

No Deza en concreto, sinala a deputada, o 18,4% do PIB procede do sector primario, unha cifra catro veces superior á media galega, que se sitúa no 4,7%. Por concellos a participación do sector no PIB total desglósase dende o 16,6% de Vila de Cruces, pasando polo 17,2% de Lalín, ao 22,4% de Silleda. No caso de Rodeiro, terra do presidente provincial Luís López, o 42% da poboación ocupada está a traballar no sector agrogandeiro. Segundo os datos oficiais da propia memoria da concentración parcelaria de Val de Camba, son 390 traballadoras e traballadores dedicados ao agro nun concello de algo máis de 2.200 habitantes.

Estes mesmos datos serven ao BNG para loitar por unha mellora do financiamento destinado a Galiza no novo período da PAC 2028-2034, cuxa proposta inicial prevé un recorte do22% dos fondos previos, que en cifras absolutas suporía unha baixa de máis de 84.000 millóns de euros. “Parece que a presidente da Comisión Europea Ursula von der Leyen prefire as armas aos alimentos, os tanques ás labregas e aos labregos. Se xa a PAC nos últimos anos foi negativa para o país, é doado imaxinar o que significará un recorte brutal deste calibre. Para o BNG esta proposta é inaceptábel”, destaca Rodríguez.

O Bloque solicita, por isto, a retirada da proposta de rebaixa dos fondos e que, como punto de partida, se teña en conta a resolución aprobada no Parlamento Europeo a favor dun incremento. O BNG pretende que, ademais, a subida leve consigo unha distribución que teña en conta fundamentalmente as pequenas explotacións familiares, a permanencia no territorio, a loita contra o despoboamento, a remuda xeracional e unha mellora e ampliación dos servizos públicos e un desenvolvemento rural produtivo e respectuoso co medio ambiente.

A moción nacionalista de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego inclúe tamén a simplificación das normativas de aplicación da PAC, simplificando os procedementos de tramitación das axudas; a vacinación contra a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) por parte da Consellería antes da chegada da enfermidade a Galiza, medidas para previr a súa entrada, así como indemnizacións  actualizadas segundo o prezo real de mercado nos casos de baleiro sanitario; e tamén unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita obter datos reais das distintas orientacións produtivas.

Segundo Rodríguez, unha institución como a Deputación de Pontevedra, na que hai comarcas seriamente ameazadas pola falta de políticas activas de defensa do agro, “ten que defender medidas contra o declive do sector”, polo que insta ao goberno do PP e ao grupo do PSOE a apoiar a proposta nacionalista no vindeiro Pleno do 30 de xaneiro.

O BNG leva á Deputación unha moción para rexeitar o tratado de Mercosur e esixir unha mellora dos fondos da PAC