Mosquera destaca o éxito do transporte público en autobús en Pontevedra cun uso anual que xa supera os 800.000 viaxeiros

César Mosquera
César Mosquera
Mosquera destaca o éxito do transporte público en autobús en Pontevedra cun uso anual que xa supera os 800.000 viaxeiros

Pontevedra, 14 de outubro de 2025. O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, debullou a evolución e o funcionamento do convenio coa Xunta de Galiza sobre o transporte público, destacando un crecemento “espectacular” no uso das liñas, especialmente nas urbanas. Mosquera afirmou que os datos demostran que o deseño da reordenación de liñas no seu momento foi "un éxito”. 

As cifras recollen o conxunto de viaxes que teñen orixe e destino dentro do propio concello, incluíndo as liñas urbanas e os treitos internos das liñas interurbanas. 

O número absoluto de billetes e viaxes rexistrados no marco do convenio evolucionou do seguinte xeito: 

  • Ano 2022: 464.002 billetes.
  • Ano 2023: 672.095 billetes.
  • Ano 2024: 808.743 billetes
  • Ano 2025 (Proxección): Extrapolando os datos ata setembro (que suman 628.000), a previsión é alcanzar os 837.977 viaxeiros.

 

Viaxes realizadas en autobús en Pontevedra
Viaxes realizadas en autobús en Pontevedra

O crecemento foi extremadamente rápido nos primeiros períodos de funcionamento:

Entre o primeiro e o segundo ano (2022 a 2023), o crecemento foi do 44,85%. 

Entre o segundo e o terceiro ano (2023 a 2024), o crecemento mantívose forte, cun 20,33% de aumento. 

Na actualidade, Mosquera sinalou que o crecemento se está moderando, o que era "previsible", evitando unha sobrecarga inmediata nas liñas, nun 7,9 %.

A inmensa maioría do crecemento rexístrase nas liñas urbanas. A Liña 2 é a que máis aumento de pasaxeiros presenta, seguida pola Liña 1 (Monte Porreiro). A terceira liña con maior crecemento, aínda que cunha achega significativamente máis baixa, é a que conecta con Marín. O resto das liñas interurbanas teñen un aporte "moi pequeno" ao total. 

O edil subliñou que esta tendencia á estabilización do uso (aínda que siga medrando lentamente) proporciona "certo tempo" para reestudar e reforzar as liñas urbanas, en particular a Liña 2. Esta reavaliación será crucial para adaptarse ao posible impacto que supoña a posta en funcionamento das novas obras e o estacionamento en Montecelo. 

Respecto ao financiamento, cómpre lembrar que o Concello subvenciona as subidas e baixadas de pasaxeiros que se realizan dentro do termo municipal. A previsión de gasto no orzamento para este ano rolda os 350.000 euros. 

Mosquera destaca o éxito do transporte público en autobús en Pontevedra cun uso anual que xa supera os 800.000 viaxeiros