O decano do colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza, Pedro Calaza, dirixirá as obras de restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas

Manuel Fariña na Carballeira
Manuel Fariña na Carballeira
O decano do colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza, Pedro Calaza, dirixirá as obras de restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas

Caldas, 14 de outubro de 2025. O decano do Colexio De Enxeñería Agrónoma de Galiza, Pedro Calaza, dirixirá as obras de  restauración  da Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas de Reis. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña subliñou hoxe a satisfacción do Concello polo feito de que un profesional do seu renome e recoñecido prestixio se encargue de supervisar os traballos de mellora dos espazos verdes. Remarcou, así mesmo, o grande compromiso do técnico co proxecto dende hai anos, pois xa en 2019 redactara o Plan director para a rehabilitación que se vai poñer en marcha.

“É unha persoa que coñece de primeira man o que precisa a Carballeira de Caldas mellor que ninguén e que non precisa sequera unha posta ao día para comezar a traballar. Ten un grande nivel e pode xa mesmo empezar a dar pasos para que a obra de reforma avance sen demora”, apunta Fariña. De feito, segundo confirma o Tenente de Alcalde, mañá mesmo iniciaranse as primeiras reunións para empezar a executar todas as actuacións previstas. 

Calaza será quen teña que marcar as directrices á empresa ‘Xestión Ambiental de Contratasa S.L.’, firma que presentou a mellor oferta para realizar as obras de restauración da Carballeira e o Xardín Botánico, propoñendo unha redución do prazo de execución dos traballos ata os 5 meses. Dado que a intención é comezar a finais deste mes ou inicios de novembro, a rehabilitación podería estar finalizada no mes de marzo se non se producen complicacións.

O Tenente de Alcalde, Manuel Fariña, subliña o alto nivel e o compromiso do técnico co proxecto caldense, quen xa en 2019 redactara o Plan director para a futura rehabilitación

A restauración do espazo natural, que se adxudicou por preto de 740.000 euros, consiste principalmente na rehabilitación das especies vexetais, formacións e composicións botánicas, a mellora e adaptación de instalacións e equipamentos, así como na recuperación do patrimonio natural e cultural. O proxecto de mellora da Carballeira e o Xardín Botánico, explica Fariña, redactouse en base ao Plan director existente dende 2019 elaborado polo propio Calaza, que marcou as bases para unha xestión racional e sustentable. 

Suporá un acondicionamento integral dende un enfoque múltiple para recuperar a esencia do espazo singular, mellorando o seu atractivo e ofrecendo á veciñanza un valor engadido tendo en conta o seu valor histórico e patrimonial. 

Entre as obras a realizar definidas polo arquitecto de paisaxe Pedro Calaza está a mellora da biodiversidade, incorporando novas especies e reforzando máis exemplares de outras existentes. Eliminaranse especies invasoras, recuperaranse as aliñacións coa estrutura orixinal do espazo, farase un tratamento para mellora a calidade cromática e escénica, crearanse composicións de bosquetes densos e laxos para recuperar o aspecto primixenio, así como estudos biomecánicos e fitosanitarios en exemplares particulares. Tamén se mellorará o solo para garantir un bo desenvolvemento das árbores e especies existentes. 

No caso das instalacións e equipamentos, haberá actuacións de mellora de pavimentos, e mobiliario, así como tamén das instalacións (bocas de rego, puntos de luz...), entre outras, instalando paneis explicativos con información relevante e de posta en valor do patrimonio natural e cultural. 

Ademais de adxudicar a dirección de obra da reforma da Carballeira e o Xardín Botánico a Pedro Calaza, o Concello de Caldas tamén encargou a dirección de seguridade e saúde dos traballos, que recaeu no técnico caldense Santiago Monteagudo Campos. De maneira paralela ás obras de restauración dos espazos verdes o Concello de Caldas está xa a traballar tamén de maneira paralela sobre a musealización do espazo e o deseño da experiencia turística. 

O decano do colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza, Pedro Calaza, dirixirá as obras de restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas