Mosquera afirma que a Deputación fai “escapismo” ao intentar tapar a discriminación ao Concello de Pontevedra con investimentos en infraestruturas e equipamentos propios
Pontevedra, 31 de outubro de 2025. O voceiro provincial do BNG César Mosquera afirmou hoxe que a Deputación está a facer “un exercicio de escapismo” ao intentar tapar a discriminación ao Concello de Pontevedra contabilizando como achegas investimentos en infraestruturas e equipamentos propios da administración provincial. O nacionalista subliñou que ata o de agora o goberno do PP non puido refutar os datos publicados polo goberno local de que a capital está por detrás de dez concellos con menos poboación nas transferencias directas. “Non -poden facelo- porque estarían mentindo. Eses datos non se poden discutir, porque son as contas da Deputación”, dixo Mosquera.
O deputado subliñou que a súa primeira iniciativa na Deputación, hai máis de 30 anos, foi intentar evitar discriminación no tratamento do goberno provincial entre dous concellos entón do PP, A Guarda e O Grove. “Fíxeno entón e seguirémolo facendo, denunciar diferencias farémolo con calquera concello do signo que sexa”, dixo, subliñando que o caso de Pontevedra está a ser moi claro.
O voceiro nacionalista subliña que o goberno do PP non pode negar que a capital está por detrás de dez concellos con menos poboación nas transferencias
Mosquera subliñou que o Concello de Pontevedra está na posición undécima por cantidade de fondos transferidos polo goberno provincial, por detrás de dez concellos cunha poboación moi inferior. “Xa poden facer as contas que queiran, xa poden retorcer os números e dicir que fan obras en Príncipe Felipe. É fantástico e aplaudímolo, como non, pero estamos a falar de transferencias, e o Concello de Pontevedra está claramente prexudicado”, subliñou Mosquera.
O nacionalista puxo como exemplo de que as contas que fai o PP están distorsionadas subliñando que inclúen obras en Príncipe Felipe ou noutras infraestruturas e equipamentos propios da administraicón provincial que nada teñen que ver coa xestión municipal. Subliñou que facer reformas na cidade infantil é importante, mais lembrou que o servizo que se presta alí é competencia da Xunta de Galicia e debería ser asumido pola administración galega, e por tanto, en ningún caso debería constar como fondos ou achegas da Deputación para o Concello de Pontevedra.
Mosquera destaca que facer obras en Príncipe Felipe “é fantástico” pero lembra que é un servizo competencia da Xunta e non supón unha axuda á administración local
Mosquera destacou aínda non escoitou unha soa palabra por parte do PP refutando que as transferencias ao Concello de Pontevedra déixana no undécimo lugar dos concellos da provincia. “Non é discutible que están a discriminar ao Concello de Pontevedra, non o discuten”, insistiu, destacando que noutros concellos tamén fan outro tipo de actuacións como o Cine Fraga en Vigo ou melloras en estradas provinciais. “Do que estamos a falar é das transferencias”, subliñou o nacionalista: dos cartos que a Deputación pon a disposición do Concello para que este decida de maneira autónoma nos proxectos nos que inviste.
O voceiro do BNG lembrou que a Deputación ten neste exercicio fondos extraordinarios que repartiu entre os demais concellos. Subliñou que na última modificación de crédito que se aprobou hoxe non hai ningunha partida para corrixir a situación coa capital da provincia, motivo polo que o Bloque votou en contra.
Revitaliza
Outro dos motivos polos que o BNG tamén votou en contra da modificación de crédito proposta polo goberno provincial foi o desmantelamento do Plan Revitaliza de xestión de residuos e de aposta pola compostaxe. Mosquera subliñou que os concellos teñen un “problemón” e van afrontar sancións por non tratar os biorresiduos. “Non é discutible que están a discriminar ao Concello de Pontevedra, non o discuten, como tampouco discuten que están a desmantelar o Revitaliza. Iso é algo que todos os cidadáns da provincia van pagar”, subliñou. Lembrou que o Plan Revitaliza foi aceptado por gobernos de todo signo xa que “era transversal e non houbo polémica partidista. Fixérono morrer de inanición. É a realidade”, dixo.