O BNG cualifica de “disparatada” e “durísima” a proposta da Variante de Caldas e insta a optar por unha vía que solucione os problemas de tráfico co mínimo dano
Pontevedra, 31 de outubro de 2025. O BNG cualificou hoxe na Deputación de “disparatada” e “durísima” a proposta da Variante de Caldas feita polo Ministerio e defendeu unha vía que, pola contra, solucione os problemas de tráfico no centro da vila termal e que supoña o mínimo dano posible ao territorio.
O voceiro do Bloque César Mosquera subliñou que os problemas que causa a infraestrutura proposta polo Ministerio dividindo as parroquias non está xustificados de ningunha maneira polos supostos beneficios. “Esta traza non a quere ninguén”, insistiu, destacando que tal e como está plantexada a alternativa resulta sobredimensionada “e para as medras”.
Subliñou, neste sentido, o traballo de acompañamento do BNG de Caldas ao lado da veciñanza, propoñendo un modelo de alegacións no que se defende que a nova variante non estea vinculada co acceso ao Porto de Vilagarcía e se limite a unha estrada de circunvalación do núcleo urbano con tratamento brando. “O tráfico que pasa polo centro de Caldas é insoportable e debería estar prohibido”, subliñou Mosquera, “porque árdelle o eixo aguantar o tráfico da N-640”.
O grupo provincial do BNG destaca o traballo feito polo voceiro nacionalista en Caldas, Manuel Fariña, ao colaborar nas alegacións da veciñanza
Mosquera lembrou as máis de 1.200 alegacións do Bloque presentadas polo representante local Manuel Fariña, que advirten de que os trazados (especialmente a alternativa NC-1a) dividirían as parroquias de Godos e Bemil en dúas zonas sen apenas pasos de conexión, xerando unha ruptura da comunidade e afastando a poboación das contornas urbanas de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
Segundo o BNG, a prioridade da nova Variante de Caldas debe ser resolver o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano de Caldas de Reis, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais de As Veigas de Almorzar e O Pousadoiro, así como das empresas de referencia da comarca (Clavo, Finsa, Extrugasa, Urovesa, entre outras).
Para iso, o grupo provincial nacionalista, ao igual que o BNG local, defendeu que a única alternativa válida é unha Variante de Caldas de carácter brando e tráfico calmado que funcione como un anel viario de circunvalación. En paralelo, o BNG destacou que debe liberarse de peaxe a AP-9 no tramo Caldas– Carracedo (alternativas AP-9 1 e AP-9 2).