SÁBADO 8. 20.30H. TEATRO PRINCIPAL

Os de Algures e a Aula Municipal de Teatro de Pontevedra levan a escea "Os vellos non deben de namorarse"

Rolda Os vellos non deben de namorarse
Rolda Os vellos non deben de namorarse
Os de Algures e a Aula Municipal de Teatro de Pontevedra levan a escea "Os vellos non deben de namorarse"

Pontevedra, 31 de outubro de 2025. Neste ano, declarado Ano Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento – e no que o Día das Letras Galegas se dedicou ás pandereteiras como transmisoras dese tesouro que é a nosa literatura de transmisión oral, o grupo de música tradicional Os de Algures non podía senón renovar o compromiso coa causa desta lírica popular mediante a montaxe da que é considerada a obra máis emblemática do teatro galego: Os vellos non deben de namorarse de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A proposta nace co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio cultural, achegando a un público contemporáneo esta obra fundamental da nosa literatura a través dunha linguaxe próxima e viva: a música popular, que acompaña e potencia o discurso escénico.

Coa montaxe desta obra o grupo Os de Algures e a Aula Municipal de Teatro, aspiran a crear unha experiencia escénica completa, pois cando se fusiona a palabra e a música, cando a emoción, o humor e a reflexión se dan a man, poderemos reafirmar a figura de Castelao como abandeirado da sensibilidade e identidade da nosa terra.

É unha empresa necesaria, doada e natural -non podería ser doutra maneira-, pois A farsa dos vellos é tamén un inspirado texto musical. Para Castelao, literatura, pintura e música eran expresións dunha mesma beleza: a da alma da nota terra. Buscaba un teatro galego onde os recursos folclóricos -que non debemos entender como simples pinceladas costumistas- se mesturasen cos literarios na procura desa plasticidade que na súa obra é sempre esencial. Así, ao servirse de elementos da arte popular, configura un estilo no que o ritmo áxil e melódico, as reiteracións e os paralelismos dotan a esta obra dun lirismo que é capaz de artellar todo un sistema semiótico e emotivo que impacta fondamente na alma do espectador, que o recoñece como propio. O vínculo entre palabra, música e sentimento de pobo queda así perfectamente reforzado.

Castelao sabía ben que as nosas cantigas e melodías eran elementos de cohesión e resistencia cultural fronte á homoxeneización española. Deste modo, a dignificación do noso folclore pasa a formar parte dun proxecto de afirmación nacional galega.

As coplas e os momentos musicais teñen unha función estrutural e simbólica fundamental nesta obra, pois funcionan como interludios que, semellantes ao coro clásico, comentan a acción dramática e serven de voz colectiva do pobo. Neles, aínda que cun ton ledo e burlón, latexa un fondo sentimental, tráxico e moral.

Castelao concibía o teatro como un espectáculo integral: palabra, imaxe e música crean unha unidade estética e simbólica, sendo a música parte esencial do ritmo emocional da obra. Nesta montaxe, musicamos as coplas que se espallan ao longo de toda a obra, tentando que os novos sons -arranxos desas foliadas e muiñeiras coreadas tradicionais que demandan do canto e do baile- dialoguen co seu universo: o humor e a tenrura, a ironía e a dor, a vida e a morte.

As pezas interpretadas non pretenden ser un simple acompañamento, senón -e tal como Castelao o entendía-, unha prolongación emocional do texto dramático e da acción actoral, acentuando así o seu carácter simbólico. Porque esta obra non fala do amor tardío, senón da eterna capacidade de sentir.

Os de Algures e a Aula Municipal de Teatro de Pontevedra levan a escea "Os vellos non deben de namorarse"