ORGANIZADA POLA VECIÑANZA
Lores e María Xosé Abilleira participaron na inauguración da rúa San Cristovo (Lourizán)
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira do Rural, María Xosé Abilleira, achegaronse á rúa San Cristovo, en Lourizán, para participar no acto de inauguración da vía, un encontro organizado pola propia veciñanza do lugar.
A visita oficial formalizou a posta en servizo da rúa tras a execución do proxecto de mellora “moi necesario”, segundo o rexedor e que supón “un antes e un despois” para a zona. A reforma integral contou cun investimento total de 199.226,06 euros e foi executada pola empresa COVSA.
A mellora integral desta rúa, que ten unha lonxitude de 115 metros e non ten saída, centrouse na renovación completa de todos os servizos. As obras incluíron a substitución das redes de abastecemento e saneamento, que se atopaban deterioradas. Así mesmo, mellorouse a capacidade do sistema de recollida de augas pluviais. Unha parte fundamental da actuación foi o soterramento de todas as liñas de teléfono e electricidade.
Aínda que o prazo de execución da obra era de cinco meses, os traballos foron completados nun prazo inferior aos catro meses, considerado récord. Segundo manifestou o alcalde, a veciñanza da zona está “encantada” tanto pola rapidez na execución como polo comportamento da empresa concesionaria durante os traballos.