Mosquera acusa a Domínguez de facer demagoxia e incendiar os conflitos de persoal no Concello a pesar de aplicar as mesmas políticas do goberno local na Deputación
Pontevedra, 24 de novembro de 2023. O portavoz provincial do BNG César Mosquera acusou hoxe a Rafael Domínguez de “facer demagoxia e incendiar” os conflitos de persoal no Concello a pesar de que o PP aplica as mesmas políticas do goberno local na Deputación. “Hai quen fai demagoxia na oposición e cando goberna actúa con responsabilidade”, subliñou.
O nacionalista puxo de manifesto a dobre cara do concelleiro e vicepresidente ‘popular’ no momento no que no Pleno de hoxe se debatía a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da institución provincial. Entón, o deputado de Persoal Vázquez Almuíña explicou que a RPT da Deputación se pode facer de novo ou modificar, “como se está facendo nesta Deputación e se quere seguir facendo” co fin de adaptarse “á flexibilidade que necesitan todos os servizos que dá esta Deputación”.
Subliñou que “nós –en relación ao goberno provincial- consideramos que é moito máis áxil tanto para o que necesita a Deputación como para o que necesitan os traballadores facer modificacións de forma áxil en cada momento. Cremos que adaptar a RPT e ser flexibles ano a ano é moito máis positivo”, salientou.
O deputado de Persoal Vázquez Almuíña, do PP, recoñeceu que a modificación das RPT é a forma “máis áxil e positiva” para cubrir as necesidades das administracións e das persoas traballadoras
Mosquera manifestou estar de acordo co argumentado por Almuíña e agradeceu “profundamente” as súas palabras, entendendo que o vicepresidente queda novamente desautorizado. De feito, o portavoz do BNG lembrou que Rafael Domínguez esixira no anterior Pleno do Concello, intentando acender os ánimos do persoal traballador que estaba no Teatro Principal en contra do Goberno local, a aprobación dunha nova RPT municipal por ser moi antiga, cando –explicou- ten practicamente a mesma antigüidade que a provincial.
“Que ese criterio –da antigüidade- non é suficiente para facer unha nova RPT compartímolo, señor Almuíña. O seu vicepresidente non o comparte, di o contrario. O convenio colectivo de aquí é máis antigo que o do Concello de Pontevedra; e unha nova RPT non é axustar e mellorar o que hai, significa subida xeneralizada para todos (...), pero o seu vicepresidente quere iso, que é ilegal, por outra parte”, díxolle a Almuíña.
Ante esta nova disfunción do vicepresidente Domínguez, Mosquera volveu interpelar a Luís López dicíndolle que debía ter coidado cos “incendios que lle montaban os seus”. Salientou, de feito, que a actitude de Domínguez vén a ser un novo episodio de que os alcaldes e concelleiros do PP na Deputación non seguen as directrices marcadas polo presidente, ao igual que aconteceu coa celebración de plenos de Defensa da Constitución na Deputación -e non nos concellos-, e coa ausencia de gravatas na indumentaria hoxe dos deputados a pesares de que no convite ao acto do 25N se esixía na vestimenta. “Os do seu grupo non o seguen, nin coa gravata nin cos plenos extraordinarios”, fixo chanza Mosquera.
Manifesto 25N
O portavoz do BNG na Deputación quixo denunciar durante a súa intervención no Pleno que a declaración institucional do 25 N non fora consensuada cos grupos provinciais. Deixando claro que o grupo nacionalista non tiña problema algún en subscribila polo seu contido, Mosquera afeou ao goberno provincial que non tiveran consensuado o texto, xa que “nin sequera se dirixiron a nós”.
Destacou así mesmo, que o manifesto leuse tamén fóra da orde do día do Pleno, algo que xunto coa ausencia de negociación ou pacto faría que non se puidese denominar oficialmente “declaración institucional”. “Queremos aclarar iso porque ábrese unha espita de que esteamos calados diante dunha declaración institucional que non o é”, puntualizou, engadindo que se trata “dunha cuestión de procedemento que podería ter a súa relevancia no futuro”.
Agradecemento ao cesado director de Mobilidade
César Mosquera, aproveitando o punto no que se aprobou o novo contrato marco de renovación de firmes das estradas provinciais, agradeceu publicamente o traballo realizado polo recentemente cesado (con efectos de finais de mes) director de Mobilidade, Daniel Romay.
O portavoz nacionalista destacou non comprender o motivo de que dende o PP “o chimpasen sen ningún motivo” cando baixo o seu traballo os 1.700 quilómetros de vías provinciais “melloraron radicalmente”.
“Están aproveitándose do seu traballo. Estes contratos foi el quen os propuxo e dirixiu. Son obra dunha persoa que accedeu a director por un concurso público, por méritos e capacidade, e que fixo un traballo extraordinario, e vostedes van seguir co seu labor”, destacou, para puntualizar que en ningún momento foi persoa de confianza ou estivo vencellado a ningunha das dúas organizacións que dirixiron politicamente o departamento de Infraestruturas.
Un rogo histórico
César Mosquera pechou o pleno facendo un rogo ao novo goberno da Deputación: o cambio das bancadas dos deputados e deputadas por ser un “atentado contra as costas” e tamén a retirada do palio que está sobre a Presidencia. Lembrou que se trata dun rogo que leva facendo dende hai máis de 20 anos. “Hai que ser perseverante. A ver se desta vez hai sorte”, destacou, facendo o ‘chascarrillo’ de que pode ser pola incomodidade das cadeiras que ás veces se producen intervencións fóra de ton e exasperadas nos debates plenarios.