INSTA AO PP A DEIXAR DE POÑER EN RISCO A SAÚDE E A VIDA DAS PERSOAS
Montse Prado denuncia o colapso nas urxencias de Montecelo
Pontevedra, 12 de decembro de 2022. O BNG leva meses denunciando a situación límite na que se encontra a area sanitaria Pontevedra-O Salnés, convertida, despois de 13 anos de recortes do PP, no auténtico quilómetro cero da desfeita sanitaria no noso país. De feito, non hai en toda a área ningún centro de saúde ou PAC que funcione con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden.
A consecuencia desta política de desemantelamento do sistema sanitario público leva a que “centos de persoas non poidan pedir cita médica, que miles non teñan persoal médico/médica asignada, sendo atendidas cada vez por unha profesional diferente, ou que nos 9 PACs da área un día si outro tamén non hai profesionais, con quendas enteiras sen un só médico, e obrigando ás persoas doentes a ir peregrinando dun PAC a outro a ver onde ese día hai persoal médico que as poidas atender”, denunciou Montse Prado.
Así por poñer un exemplo, o sábado 10 non houbo persoal médico de 15 h. a 8 h. nos PACs do Grove, Vilagarcía e Baltar; nos de Caldas, Cambados e Marín só houbo persoal médico de 15 a 8 h., e o PAC de Bueu estivo sen persoal médico de 15 a 22 h. O domingo 11, nos PACs de Bueu, O Grove e A Parda non houbo persoal médico de 8 a 8h., no de Caldas non houbo de 22 h. a 8 h., Cambados estivo sen médico de 8 h. a 15 h,. Houbo un só médico en Caldas de 8 a 22 h. en Cambados de 8 a 15 h., en Marín e Baltar de 8 h.a 8 h., e en Vilagarcía só dous de 8 a 8 h.
Ningún Centro de saúde ou PAC da área sanitaria funciona con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponde
O BNG leva denunciando en numerosas ocasións, que esa situación nos centros de atención primaria estaba producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias. “Hoxe, esa situación é de auténtica alarma, co colapso do hospital Montecelo, con 40 doentes pendentes de ingreso, sen camas, sen padiolas, realizando traslados para o hospital do Salnés ou para o Quirón”, denunciou a deputada nacionalista.
O 061 recibíu indicacións que derivar a urxencias do hospital do Salnés -co TAC averiado- aos doentes de Sanxenxo, O Grove, Caldas, Cuntis, Moraña e Meaño. “É evidente -sinalou Prado- a falta absoluta de previsión, de planificación e de non anticipación”.
O BNG urxe ao PP a que faga pública dunha vez por todas o plan de continxencia diante desta situación, que “xa levaba semanas véndose que se estaba agravando día a día”. A deputada nacionalista demanda saber cal é o número de profesionais que contrataron para reforzar o servizo, por canto tempo, que tipos de contratos, e que aumento de recursos se realizou para facer fronte para anticiparse a esta situación, ao tempo que denunciou o maltrato a que está sometido o persoal e esixíu unha atención sanitaria digna para os veciños e veciñas. “O PP ten que deixar de poñer en risco a saúde e a vida das persoas”, concluíu a deputada nacionalista.