O BNG alega ao Parque Eólico de Borreiro, ante a deixadez de funcións de Jorge Cubela
Cerdedo-Cotobade, 28 de novembro de 2022. O BNG vén de presentar no rexistro do concello de Cerdedo-Cotobade alegacións ao parque eólico de Borreiro, que afecta aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A estrada.
Como nos restantes proxectos eólicos que amenazan Cerdedo-Cotobade, a tramitación do proxecto Borneiro incumpre o dereito de acceso á información ambiental e á participación da veciñanza na toma de decisións en materia de medio ambiente.
O proxecto de Borneiro, xunto co de Cabanelas e Pedra Longa afectan a unha mesma área, polo que falta a avaliación dos efectos sinérxicos e acumulativos (aditivos, sumativos e globais) segundo obriga o art. 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. “A área de afectación de Borreiro presenta unha acumulación insostible de proxectos eólicos que non é avaliada”, afirmou Ernesto Filgueira.
Ernesto Filgueira: “Temos enriba nosa unha escandalosa ofensiva eólica que amenaza ao noso concello, e o alcalde fica calado, exercendo de cooperador necesario da estratexia do PP”
Trátase dun proxecto de parque eólico que se situa excesivamente próxima a zonas habitadas. e afecta a unha zona de alto valor ecolóxico, con afectacións severas ao patrimonio natural, tanto de de fauna como de flora silvestre, e patrimonial.
Ademais das alegacións, o BNG rexistrou unha moción para que a corporación municipal rexeite esta nova agresión ao noso territorio. Neste sentido, Ernesto Filgueira criticou a actitude pasiva do alcalde, Jorge Cubela, que “non presentou alegacións nin a este parque nin aos de Pedra Longa e Cabanelas, que afectan á mesma zona de grande valor ambiental. Con esta actitude, Cubela ponse de xeonllos diante as directrices do seu partido e renuncia a defender os intereses dos veciños e veciñas e o noso medio natural e patrimonial”