A ministra de Medio Ambiente sueca interésase sobre como aplicar o Modelo Pontevedra nas cidades suecas
César Mosquera instou á ministra sueca de Medio Ambiente "Carolina Skog" a actuar coas ideas claras e valentía política á hora de deseñar cidades para as persoas
O noso compañeiro César Mosquera e o enxeñeiro municipal do Concello de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas, reuníronse coa ministra sueca de Medio Ambiente Karolina Skog no marco do encontro ‘Mobilidade e Comportamento’ organizado pola asociación sueca Gröna Bilister na cidade de Eskilstuna.
Skog coñeceu o traballo feito na cidade de Pontevedra e mostrouse sorprendida tanto pola redución do tráfico no núcleo urbano da capital, polo descenso da sinistralidade –con cero mortos e poucos feridos de gravidade ao aplicar medidas de calmado do tráfico-, así como polo uso dos espazos públicos como lugares de socialización nos que as persoas, principalmente nenas e nenos, son o elemento central das políticas de deseño urbano.
Mosquera e a política sueca intercambiaron impresións sobre a necesidade de que a cidadanía perciba que os espazos son un dereito universal como a educación ou a saúde. Skog louvou a perspectiva de xénero aplicada no modelo pontevedrés e a aposta de incorporar a infancia á hora de planificar urbanísticamente as cidades. Neste sentido, destacou o grande número de escolares que van camiñando sós á escola, un obxectivo que nestes momentos tamén é perseguido por moitas cidades suecas.
Preguntado pola ministra sobre o procedemento aplicado para transformar unha cidade chea de coches noutra con prioridade para as persoas, Mosquera instou á política a actuar de xeito global e valente xa que, segundo dixo, “cando a xente ve os beneficios de gozar do espazo publico o éxito do modelo está garantido”. Salvando as distancias e diferencias entre as cidades suecas e as pontevedresas, Skog asegurou que o de Pontevedra é un modelo a seguir e manifestou o seu interese en trasladarse personalmente para coñecer in situ o traballo feito.
“Velocidade e calidade urbana son incompatibles”
No seu relatorio de hoxe Mosquera explicou que grazas ao traballo feito en Pontevedra aprendéronse varias leccións para aplicar o modelo noutras cidades e vilas. A primeira, dixo, é que as solucións técnicas existentes funcionan ben cando se teñen as ideas claras e os obxectivos son gobais; que gañar a cidade para a xente é tan valioso que non necesita máis compensación que ese obxectivo en si mesmo; e, finalmente, que a velocidade e a calidade urbana son incompatibles.
Pola súa banda, o voceiro da asociación Grñna Bilister, Martín Prieto, explicou que o congreso de mobilidade no que participou o Concello de Pontevedra, baixo o título ‘Mobilidade e Comportamento’, sempre tivo nas súas edicións anteriores un invitado estranxeiro. ”Buscamos exemplos no mundo e atopamos que a cidade de Pontevedra tiña traballado con esta temática durante moito tempo con resultados exitosos. Aínda que en Suecia en xeral non se coñece Pontevedra, decidimos invitalos e con sorte aceptaron a nosa invitación”, indicou.
Prieto explicou que a ponencia foi moi ben recibida entre o publico e tamén entre os outros relatores que “estaban realmente sorprendidos” polos logros que teñen conseguido en Pontevedra. “Aquí en Suecia trabállase a mesma temática, pero estamos más atrasados con respecto ao que teñen conseguido en Pontevedra”, afirmou, para engadir o interese xeral dos organizadores do congreso por ter a oportunidade de facer unha visita no futuro a Pontevedra porque “pensamos que pode ser un exemplo para aprender”.