Miguel Calvo Marques gaña o V Premio literario Pinto e Maragota coa novela As esquinas
Pontevedra, 22 de outubro de 2025. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, desvelou o fallo do xurado do V Premio literario Pinto e Maragota que concede o Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais, e fíxoo acompañada polo gañador do certame, Miguel Calvo Marques e o director da editorial, Fran Alonso.
O xurado, reuniuse o pasado 14 de outubro, após valorar as 38 obras presentadas, elixiu por unanimidade, a novela As Esquinas de Miguel Calvo como gañadora. É a primeira novela do autor, que é orientador educativo e membro da xunta coordinadora da Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galiza.
Anabel Gulías subliñou a importancia “dun premio único, que visibiliza a diversidade e nos permite falar, por exemplo, da homofobia presente arredor de todas e todos nós ou darlle voz á comunidade LGTBIQ+” e agradeceu a Xerais o seu compromiso. A concelleira deu os parabéns ao gañador do certame, de quen destacou o traballo que fai coa mocidade, que lle permite pulsar as opinións, inquedanzas e retos respecto, entre outros temas, á diversidade sexual e de xénero.
"As Esquinas" é a historia dun home gai que lembra a súa infancia xunto a un pai maltratador, “que empecei a escribir hai catro anos, cando estaba en terapia” explicou Miguel Calvo, quen aclara que, malia ter referencias persoais, é ficción.
Pola súa banda, Fran Alonso cualificou de “fundamental” un premio como o Pinto e Maragota “que axuda a visibilizar a diversidade, nun momento no que os dereitos están en regresión”.
Este premio literario nace ao acubillo do programa municipal pola diversidade sexual e de xénero, Pinto e Maragota, unha iniciativa senlleira, única en Galiza en ofrecer actividades durante todo o ano arredor da diversidade. Está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra por Edicións Xerais. gañadora do V Premio literario Pinto e Maragota, As Esquinas, será publicada na Colección Narrativa de Xerais no vindeiro mes de maio.
Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas Cobiza da escritora María Reimóndez e Estranxeiras da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro, o poemario Todo o que doe de Carmen Caramés Gorgal e o pasado ano a novela Askja de Manuel Antonio Fraga Allegue.
O xurado do V Premio literario Pinto e Maragota estivo integrado por: Alberto Pereira Suárez, docente do CEIP Campolongo; Beatriz Otero Solla, membro de Avante LGTB Pontevedra e Sara Vilas Alonso, escritora e responsable de Comunicación de Xerais, Actuou como secretaria Mercedes Renda Melón, técnica de Igualdade do CIM do Concello de Pontevedra.