Mellora de accesibilidade e mobilidade peonil na avenida de Lugo
O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha nos últimos días unha actuación de mellora para a accesibilidade e a mobilidade peonil na avenida de Lugo, á altura do número 27. Trátase dunha obra que permitirá a circulación a pé dun xeito máis seguro neste treito, aumentando a beirarrúa existente nun punto onde se carecía da mesma.
Desde a área de Servizos urbanos básicos dirixida por Xaquín Moreda sinálase que esta é unha obra que aumentará a seguridade peonil na zona, ao tempo que se procura dotala dunha accesibilidade total. Trátase dunha reforma consensuada e demandada pola veciñanza do lugar, e realizada en colaboración cos negocios da contorna.
Neste sentido, cómpre destacar que tamén se crearán dúas prazas de carga e descarga a petición dos establecementos. O resto da zona de estacionamento queda tal e como estaba até o de agora.
A continuidade desta beirarrúa afonda na idea de propiciar un continuo urbano no eixo Loureiro Crespo-Avenida de Lugo, permitindo unha circulación segura para todas as persoas que viven neste punto.