MARGA CALDAS RECLAMA ACTUACIÓNS RÁPIDAS, TRANSPARENTES E EFICACES

O BNG denuncia a falta de información do Concello de Poio sobre a recomendación de non bañarse en Lourido

Praia de Lourido
Praia de Lourido
O BNG denuncia a falta de información do Concello de Poio sobre a recomendación de non bañarse en Lourido

Poio, 2 de setembro de 2024. A Consellaría de Sanidade alertou hai días de altos niveis da bacteria E.coli nas augas que bañan a praia de Lourido e recomendaba o seu peche ao baño, ao poder provocar infeccións gastrointestinais.

A resposta do goberno municipal limitouse a poñer un A4 apenas visíbel nun dos taboeiros de entrada á praia, co que pasou totalmente desapercibido para as numerosas persoas que utilizan este areal, un dos máis concorridos de Poio. 

A sorpresa foi maiúscula cando durante esta fin de semana, nin os socorristas advertiron sobre a recomendación de non bañarse nin existía información sobre o particular nas canles oficiais do Concello.

A falta de información da presenza da bacteria puxo en perigo ás persoas usuarias da praia

“A falta de información do Goberno Local, fai que a veciñanza non saiba cales son os protocolos a seguir, nin o tempo que leva esta recomendación de non bañarse en Lourido” afirma a portavoz nacionalista, Marga Caldas. Para a formación nacionalista, estes avisos deben facerse con dilixencia e total transparencia para a seguridade das persoas que usan o areal.

Esta falta de dilixencia e de responsabilidade do goberno municipal do PP, contrasta co que acontecía nos anteriores gobernos municipais do BNG, onde se valaba ou precintaba a praia para que os veciños, veciñas ou visitantes fosen conscientes da problemática na auga.

“O BNG pedirá explicacións no concello sobre estes feitos e solicitará copia da notificación remitida por Sanidade así como da actuación e protocolo que seguiu o goberno local”, concluíu Caldas.

O BNG denuncia a falta de información do Concello de Poio sobre a recomendación de non bañarse en Lourido