Medio Ambiente denuncia o Concello de Soutomaior por vertidos ilegais
O Servizo de Protección da Natural de Medio Ambiente denunciou ao Concello de Soutomaior por realizar verquidos ilegais de residuos sólidos urbanos nos montes Comunais do Concello.
A denuncia, que ten data do 13 de setembro, afirma que o propio Concello de Soutomaior realizou verteduras ilegais de "tellas, pedras e residuos procedentes de escardas e desbroces" nos terreos da comunidade de montes da Montesiña.
Hai xa 6 meses que o grupo municipal do BNG denunciara que se estaban a realizar tamén verquidos de materiais procedentes de obras municipais en terreos da comunidade de montes de Pedreira. Pero lonxe de o Concello depurar responsabilidades os verquidos continuaron a se producir.
Dende o grupo municipal do BNG destacamos que existe documentación gráfica e audiovisual absolutamente explícita sobre estes delitos medioambientais e que o que está a acontecer no concello é algo intolerábel e dunha absoluta falta de respecto polo medio natural do noso concello
O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo destacou que “o feito de que o Servizo de Proteccion Natural denuncie ao Concello de Soutomaior por verquidos ilegais dá boa conta da magnitude desta situación. Estamos a falar dunha institución como o Concello que debería velar pola protección e defensa do medio ambiente pero moi ao contrario é denunciado por verteduras ilegais de residuos e restos de obras".
Manu Lourenzo destacou tamén que “ o alcalde Agustín Reguera hai ben tempo que tiña coñecemento desta situación, e que foron varias as ocasións nas que se lle trasladou o que estaba a acontecer. Pero lonxe de a situación remitir, os verquidos continuaron a realizarse con absoluta impunidade e foron varias as ocasións nas que os restos das obras municipais continuaban aparecendo nos montes comunais.
O Servizo de Protección Natural de Medio Ambiente rexistrou dúas denuncias: a primeira a unha empresa que traballa asiduamente para o concello e outra ao propio Concello de Soutomaior por vertidos ilegais.
Estamos ante un tema gravísimo sinalou Manu Lourenzo e chegaremos ata onde sexa necesario para que se depuren todo tipo de responsabilidades. Que sexa unha institución como o noso Concello que debería velar pola protección da natureza a que sexa denunciada dá boa conta de estamos a vivir” Concluíu