O BNG leva ao Parlamento os reiterados cortes de luz en Pontevedra

Luís-Bará
Luís Bará
Na iniciativa presentada polo deputado nacionalista Luís Bará reclama á Xunta que incoe expediente sancionador á empresa Naturgy polos continuos cortes do subministro eléctrico no concello de Pontevedra, así como que esixa á compañía subministradora un plan de investimentos para mellorar a calidade do servizo que presta na cidade e evitar as avarías
O BNG leva ao Parlamento os reiterados cortes de luz en Pontevedra

O grupo parlamentar do BNG vén de rexistrar, por medio do deputado Luís Bará, unha proposición non de lei na que reclama á Xunta que incoe expediente sancionador á empresa Naturgy polos continuos cortes do servizo, que causan graves perxuicios á actividade hostaleira e comercial e ao quefacer diario das persoas. Segundo Bará, “os cortes afectan negativamente á actividade económica sobre todo do comercio e da hostelaría do centro da cidade, causan molestias polo bloqueo de ascensores e portas de garaxes, obrigan á intervención dos servizos de seguridade e emerxencias debido a situacións de risco, e dificultan as tarefas do día a día que dependen do funcionamento de aparellos eléctricos”.

O BNG tamén reclama que a Xunta esixa á empresa un Plan de Investimentos para a mellora do subministro na cidade de Pontevedra e un informe no que se detallen os cortes que se produciron, as súas causas e as medidas adoptadas para evitalos.

Por último, o grupo nacionalista demanda que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia organice unha campaña informativa sobre os dereitos das persoas consumidoras en relacións co mal funcionamento do servizo prestado polas compañías subministradoras de electricidade.

 

Contido da proposición non de lei

Nas últimas semanas veñense producindo cortes de subministración eléctrica na cidade de Pontevedra. A compañía Naturgy informou, através de Unión Fenosa Distribución, de varios cortes entre xullo e comezos de outubro, mais hai constancia de que se produciron máis dos que non informou a empresa.

  • O luns 8 de xullo produciuse un corte que afectou a máis de 2.500 clientes do centro da cidade.
  • Na mañá do sábado 13 de xullo un novo corte afectou a 1.950 aboados do centro da cidade. Na tarde deste mesmo día produciuse un corte na parroquia de Campañó.
  • O 27 de agosto 1.432 clientes de Naturgy sufriron dúas incidencias na rede de subministración eléctrica; este corte afectou sobre todo ao Centro Histórico e tivo especial incidencia na actividade hostaleira e no mercado de abastos. O segundo corte afectou á zona de Campolongo.
  • O 1 de setembro produciuse un novo corte que afectou a grande parte da cidade: zona de San Antoniño, Benito Corbal, Rosalía de Catro, Pelamios e zona da praza de Galiza, afectando a máis de 1.500 vivendas e negocios. Segundo a empresa, o corte produciuse pola avaría nun transformador que subministra a corrente a esta zona da cidade.
  • O xoves 12 de setembro produciuse un novo corte de electricidade, que desta vez afectou á 1.115 clientes de parte de Mollavao, Campolongo, e centro da cidade con especial incidencia na actividade do comercio local.
  • O domingo 15 de setembro produciuse unha nova incidencia, que ademais coincidiu co horario da final do campionato do mundo de baloncesto.
  • Unha nova avaría produciuse o xoves 3 de outubro, que afectou de novo a 1.300 clientes do centro urbano.
  • O domingo 6 de outubro produciuse un novo corte de subministración, que desta volta afectou ás parroquias de Mourente, Marcón e Tomeza.

Debido a esta grave situación, o goberno municipal de Pontevedra enviou senllos escritos á empresa Naturgy e á consellaría de Industria, solicitando unha revisión das instalacións e dos equipamentos para garantir que se encontran en bo estado. Tanto representantes do Concello como da Xunta de Galiza reuníronse con responsabeis da empresa para pedir explicacións e medidas para evitar esta situación que prexudica gravemente a vida cotiá das persoas e a actividade económica.

Diante das queixas e da indignación das persoas afectadas por estes continuos cortes do subministro de enerxía eléctrica, a empresa fixo público un comunicado que máis ben semella unha burla xa que di literalmente que “os plans de mantemento e os investimentos realizados nos últimos anos no concello de Pontevedra supuxeron unha mellora substancial da calidade de subministración eléctrica, situando actualmente á cidade entre as primeiras de España segundo a medición oficial que ten en conta o número de interrupcións, os clientes afectados e a duración dos mesmos" (sic).

Cómpre ter en conta as graves consecuencias destes fallos na subministración eléctrica: afectan negativamente á actividade económica sobre todo do comercio e da hostelaría do centro da cidade, causan molestias polo bloqueo de ascensores e portas de garaxes, obrigan á intervención dos servizos de seguridade e emerxencias debido a situacións de risco, e dificultan as tarefas do día a día que dependen do funcionamento de aparellos eléctricos.

Esta situación prodúcese ademais nun contexto de suba do recibo da luz, que fai que en Galiza paguemos a electricidade máis cara do Estado.

Polo anteriomente exposto, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión

O parlamento insta á Xunta de Galiza a

  • Solicitar á empresa Naturgy-Unión Fenosa Distribución un informe exhaustivo sobre os cortes de subministración que se veñen producindo na cidade de Pontevedra ao longo do presente ano 2019, no que se detallen as causas destas incidencias, as persoas afectadas, e as medidas adoptadas para evitalos.
  • Esixir á empresa Naturgy-Unión Fenosa Distribución que realice un plan de investimentos para a mellora das instalacións e do subministro de enerxía eléctrica na cidade de Pontevedra.
  • Abrir un expediente informativo á empresa Naturgy-Unión Fenosa Distribución sobre as incidencias que se produciron en Pontevedra nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro de 2019 e, a partir dos datos recabados, incoar o correspondente expediente sancionador.
  • Realizar unha campaña informativa, através do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, sobre os dereitos das persoas consumidoras en relacións co mal funcionamento do servizo prestado polas compañías subministradoras de electricidade.
O BNG leva ao Parlamento os reiterados cortes de luz en Pontevedra