Media ducia de experiencias de vivenda compartida e alugueiro ético rachan coa desconfianza e prexuízos, ao abeiro do programa contra a soidade impulsado polo Concello de Pontevedra e a ONG Boa Vida
Pontevedra, 1 de decembro de 2025. Pontevedra, 1 de decembro de 2025. O programa contra a soidade non desexada- Vida compartida impulsado pola Concellería de Benestar Social e a ONG Boa Vida botou a andar hai un ano, conxugando dous obxectivos: acompañar e apoiar ao crecente número de persoas que viven soas ao seu pesar, a causa da idade, por rupturas familiares, baixas laborais de longa duración, xubilacións, enfermidades, discapacidade... e buscar alternativas habitacionais fronte á crise residencial, á carestía e escaseza de vivendas para alugar, sobre todo, a persoas en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
“E un proxecto rigoroso e realista, un proxecto a medio e longo prazo, que afecta á vida das persoas” subliñou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, á hora de facer balance da primeira fase da experiencia. “Falamos de como quero envellecer, vivir os últimos anos, de apego... falamos de persoas e iso leva tempo” engadía Pepa Vázquez, coordinadora de Boa Vida,
A experiencia arrancou en Cerponzóns, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Salcedo en ao longo deste ano 2025 foi ampliando a súa área de traballo a outras parroquias. Esta iniciativa solidaria e pioneira en Galiza terá continuidade no 2026 e estenderase ao casco urbano.
Após dun labor de campo para localizar persoas en soidade a través de asociacións e servizos públicos como os servizos sociais municipais ou o Sergas- os profesionais de Boa Vida desenvolveron obradoiros de aprendizaxe socio-afectivos para as potenciais persoas acolledoras (propietarias) e o posibles compañeiros/as de vivenda, nos que as e os participantes adquiriron ferramentas para fortalecer as súas habilidades sociais, mellorar as relacións inter-persoais e aprender a convivir de maneira positiva con outras persoas.
Ademais explicóuselles o programa polo miúdo (características, período de proba de convivencia tutelado e sen compromiso de aceptación, supervisión constante, seguimento no tempo...) e traballouse a desconfianza. Este é o principal atranco atopado: o medo a meter a unha persoa descoñecida na casa e non poder dar marcha atrás.
Malia esta desconfianza, Boa Vida conta xa con media ducia de experiencias de éxito: tres de vivenda compartida e dúas de alugueiros “éticos”. Tamén hai casos de persoas que, grazas ao programa, sen deixar de vivir soas, animáronse a “saír da casa” para compartir tempo e ir tecendo lazos de amizade.
O traballo de campo de localización de 55 potenciais participantes -40 con vivenda e 15 en busca de teito- no programa o que permite definir os primeiros perfís das persoas acolledoras (xubiladas e/ou on problemas de saúde mais non dependentes...) das persoas acollidas (desempregadas, con traballos na economía informal, inmigrantes, con salarios moi baixos...).
Os servizos sociais municipais, xunto coa Cruz Vermella, xogan un papel esencial ao seleccionar e derivar cara Boa Vida persoas en risco de exclusión social susceptibles de encaixar no programa de Vida compartida. Ademais a Concellería de Benestar social aporta 15.000 euros ao proxecto, cofinanciado con fondos do 0,7% da declaración da renda.
Explican desde Boa Vida que moitas persoas que viven soas non perciben a súa situación como unha necesidade urxente de cambio, senón que a asumen con resignación e, ás veces, con certo sentimento de vergoña. Con todo, a realidade é que a soidade non desexada non é unha cuestión individual, senón o resultado de cambios socio-económicos e familiares producidos nas últimas décadas e que afectan a persoas de todas as idades e clases sociais.
Malia que a creación dunha rede de fogares compartidos é a opción preferente do programa de loita contra a soidade e a crise residencial, Boa Vida pon o foco tamén nas vivendas baleiras -preto de 8.000 na cidade, segundo o INE- e fai un chamamento aos propietarios para que faciliten vivendas en alugueiro seguro, “cun prezo ético” a persoas en situación de vulnerabilidade pero dispostas a emprender unha convivencia colectiva autónoma. O pago estaría garantido xa que o asume Boa Vida e as portas da vivenda estarán sempre abertas para os propietarios.