Caldas apúntase á moda do ‘tardeo’ e inclúe na súa programación de Nadal unha festa de ‘Tardeboa’ o día 24

Caldas apúntase á moda do ‘tardeo’ e inclúe na súa programación de Nadal unha festa de ‘Tardeboa’ o día 24

Caldas, 2 de decembro de 2025. O Concello de Caldas vaise sumar este ano á moda do ‘tardeo’  cunha novidade na súa programación de Nadal: unha festa de ‘Tardeboa’ o día 24 na que veciñas e veciños poderán quedar con amizades e familia antes da tradicional cea de Noiteboa. Será na Praza das Palmeiras a partir das cinco da tarde, e contará con música a cargo de ‘La Duendeneta’, unha discoteca móbil vintage que ambientará unha cita que se prevé moi participativa.

Esta novidade na axenda súmase ao xa tradicional programa de Nadal organizado dende  a Concellería de Festas dirixida polo tenente de alcalde Manuel Fariña, quen destaca que practicamente todos os días das festas, entre este sábado e o vindeiro 5 de xaneiro, haberá actividades tanto no centro da vila como nas parroquias. 

“A xente debe gozar de momentos de felicidade con persoas amigas e familia. É unha época para estar na rúa e Caldas estará chega de actividade e luz”, di o nacionalista, que anima a aproveitar todas as citas organizadas dende o Concello. O lema deste ano sé ‘Por cada momento compartido! Caldas vive o Nadal!’.

O calendario, tras o acendido das luces do pasado día 28, arrancará motores o sábado 6 coa Papanoelada moteira que xa cumpre a súa terceira edición  da man da peña moteira ‘Os Keimaos’. As motos da comarca farán un percorrido que pasará non só polas parroquias, senón tamén por Catoira e Vilagarcía, finalizando cun chocolate con churros para todas e todos os participantes.

O día 7 e o día 8 realizarase o acendido do Nadal na Praza da Constitución e na Rúa Souto de María López, ás 20h e ás 19h respectivamente, amosando o traballo de decoración e alumeado deseñados polas propias veciñas e veciños deses barrios, que completan a ornamentación instalada dende o Concello. 

Outra das propostas que volve organizarse despois da boa acollida das edicións anteriores será o ‘Choconadal’ polas parroquias, unhas xornadas de convivencia, chocolate e rosca que comezarán o día 9 en San Andrés, e seguirán o día 10 en Santa María, o 11 en Godos, o 16 en San Clemente, o 17 en Bemil, o 18 en Carracedo, o 19 en Saiar, o e o 20 en Arcos, todas ás sete da tarde.

As actividades e obradoiros de manualidades propios do Nadal comezarán o venres día 12 na Biblioteca (18h) cun taller de adobíos. Xa no mes de xaneiro, destinadas a público infantil, organizaranse obradoiros no Auditorio ás cinco da tarde para a preparación da cabalgata, para os que será precisa inscrición previa. 

A música volverá ser outro dos ingredientes principais cos que o Concello ambientará as festas. Están organizadas audicións de Nadal na Escola Municipal de Música para o día 15, 16, o 17 e o 18 ás seis e media da tarde no Auditorio, así como tamén un concerto da Banda de Música e a Coral Polifónica na igrexa de Santo Tomé o día 29 ás oito menos cuarto da noite. A Festa de Santa Lucía en Arcos terá a súa correspondente celebración o día 13. 

Xa nos días centrais do Nadal, a xornada do 23, Papá Noel estará na Praza Sesto Casal de 16 a 20 horas, e no día 24 pola mañá na mesma localización entre as once e as dúas da tarde, atendendo a toda a rapazada que o desexe para pedir agasallos de última hora. O propio día 24 celebrarase a novidade especial da programación deste ano, a festa de ‘Tardeboa’, unha versión do xa coñecido e habitual ‘tardeo’ que permitirá quedar con persoas amigas e coñecidas no centro da vila para pasar uns bos momentos antes da tradicional cea coa familia máis próxima. 

Será na Carpa de Nadal que se instalará nas Palmeiras e comezará ás 17 horas. Haberá música a cargo de ‘La Duendeneta’, unha discoteca móbil xa habitual das festas caldenses que atrae moito público polas súas ‘play-list’ vintage que gustan a todas as idades. “Tivemos a idea de organizar esta festa porque, cada vez máis, aprovéitanse as tardes das datas sinaladas para estar con xente próxima antes da cea na casa. Nós dende o Concello poremos a música e estamos seguros de que o baile e as risas chegarán seguro!”, sostén Fariña.

A quenda o Apalpador, tamén na Praza de Sesto Casal, será o día 27 entre as 11 e as 14 horas. E o día 30, a previa de Fin de Ano, celebraranse as ‘Badaladas Miúdas’, unha festa infantil que contará con Peter Punk e o DJ Álex Pita (dende as seis da tarde na Carpa do Nadal).

Tamén terán Baile de Nadal as persoas maiores, organizado polo Fogar do Maior, converténdose nunha cita imprescindible da programación. O deporte será parte tamén do Nadal caldense, cun Torneo de Salvamento na piscina pública ‘Antía García Silva’ o día 3 de xaneiro. A axenda municipal de Nadal pechará o día 5 coa Gran Cabalgata de Reis, que comezará ás cinco da tarde. 

Con toda esta grande e variada lista de actividades para todos os públicos o tenente de alcalde Manuel Fariña anima á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar de Caldas. Como cada ano subliñou que “son datas moi especiais para gozar xuntas, polo que dende o Concello poñemos da nosa parte para que o ambiente sexa estupendo”, subliña o nacionalista. 

Caldas apúntase á moda do ‘tardeo’ e inclúe na súa programación de Nadal unha festa de ‘Tardeboa’ o día 24