1 DE XANEIRO. 19.30 H. PAZO DA CULTURA

O Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, sorprende cunha viaxe que comeza homenaxeando a Los Tamara e remata con Strauss e o Ballet de Galiza

Rolda Aninovo
Rolda Aninovo
O Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, sorprende cunha viaxe que comeza homenaxeando a Los Tamara e remata con Strauss e o Ballet de Galiza

Pontevedra, 1 de decembro de 2025. O concelleiro Demetrio Gómez presentou eo concerto de Aninovo que, terá lugar o 1 de xaneiro ás 19.30 h no Auditorio do Pazo da Cultura da man da Orquestra Sinfónica de Pontevedra. As entradas a partir de 10€ están xa á venda en Ataquilla.com. 

“É un privilexio, contar en Pontevedra coa Orquestra Sinfónica, con este traballo tan desinteresado que fan pola música na nosa cidade e contar con eles, con Diego Landín do Ballet de Galicia, o director David Fiúza e Judith Rey para facer hoxe a presentación. Judith dixo unha vez hai un par de anos que non sabía que máis ían inventar. E logo deses dous anos, eu xa non sei onde vai parar isto porque cada vez fan unha proposta nova, interesante. Teñen unha inmensa capacidade para xerar colaboracións, proxectos e programas que nos marabillan e ofrecen a posibilidade de gozar da música dunha maneira diferente”, afirmaba o edil. 

A presidenta da orquestra, Judith Rey, debullou a estrutura do concerto concibida como “unha viaxe musical que percorre a nosa memoria colectiva. Na primeira parte partimos da Galiza que vive en nós cunha homenaxe á figura de Prudencio Romo, integrante de Los Tamara, e un dos grandes nomes da música galega. Interpretaremos algunha das súas melodías máis emblemáticas con arranxos do compositor Manuel Otero Paino e as voces de Paco Lodeiro e César Romero. Na segunda parte viaxaremos ata Viena, mergullándonos no espírito clásico do concerto de Aninovo coas obras máis festivas da familia dos Strauss. Todo isto acompañado da enerxía e a cor do Ballet de Galicia, dirixido por Diego Landín que enriquecerá a posta en escena e o carácter festivo e elegante desta cita. Á batuta contaremos con David Fiúza, director galego cunha traxectoria incríbel tanto a nivel nacional coma internacional, que aporta unha visión artística moi persoal a cada proxecto” 

Cartaz aninovo_2026
Cartaz aninovo_2026

Rematou desexando que “este ano este concerto sexa unha aperta colectiva, un momento de celebración da nosa identidade, da nosa música e as nosas conexións co mundo. Para compartir ilusión e dar a benvida ao 2026 coa mellor das enerxías. 

Diego Landín quixo agradecer a orquestra polo convite a participar e ao Concello polo seu apoio a este tipo de eventos culturais que “deixan claro que non hai que marchar fóra para gozar dun concerto así. Nós temos un bailarín que vai bailar en Viena en Aninovo pero é xenial saber que a xente pode vivir un evento así nesta cidade. Nós estabamos xa de vacacións pero en canto se lle dixo aos bailaríns e bailarinas se querían participar no concerto, dixeron que si sen pensar e estamos todos moi ilusionados, preparando algo moi visual e moi elegante”. 

O director, David Fiúza quixo felicitar a orquestra por este concerto que “é xa un referente en Galiza” e aplaudir o apoio institucional do Concello de Pontevedra “porque sería imposible facer un evento desta magnitude, de referencia en Galiza, cun elenco como o deste ano: variado e dunha calidade enorme na primeira e segunda parte. Temos o ballet e temos tamén a voz de Paco Lodeiro, a voz máis parecida de Pucho Boedo, a colaboración de César Romero, etc. Sempre no concerto de Aninovo a xente agarda algo clásico, tradicional, que é difícil innovar. Escollemos un repertorio típico pero que se toca menos e ten algunha pequena sorpresa que non queremos revelar, algunha efeméride, etc. Na primeira parte imos integrar algo que complemente esta idea clásica, onde é importante comprender o contexto galego, a nosa identidade. Por iso Pucho Boedo, Los Tamara, Prudencio Romo que puxo música á voz de Pucho, etc. pode ser unha maneira moi interesante de definirnos: lingua galega naquela década, música que saíu fóra, etc. Daremos unha nova vida a través da música sinfónica, que é un proxecto que aínda non chegar a Orquestra Sinfónica e vai ser unha primicia neste aspecto. Hai que agradecer o traballo de Manuel Otero Paino, arranxista, xa que non é nada fácil trasladar o Pop daqueles anos ao mundo sinfónico”. 

O Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, sorprende cunha viaxe que comeza homenaxeando a Los Tamara e remata con Strauss e o Ballet de Galiza