O Concello de Pontecesures inicia unha campaña de promoción do comercio local que repartirá agasallos entre as persoas que merquen nos establecementos da vila durante o Nadal

Presentación da campaña
Presentación da campaña
O Concello de Pontecesures inicia unha campaña de promoción do comercio local que repartirá agasallos entre as persoas que merquen nos establecementos da vila durante o Nadal

Pontecesures, 1 de decembro de 2025. ’Polo Nadal, mercar en Pontecesures ten premio’. Ese é o lema da campaña de promoción que o Concello de Pontecesures puxo a andar para dinamizar a incentivar as compras no comercio local da vila durante as festas. Segundo explica a alcaldesa Maite Tocino, con cada compra realizada nos 62 negocios adheridos poderase participar no sorteo dun vale de 200 euros, así como de todo tipo de produtos cedidos polos propios establecementos participantes. 

A intención da campaña, que xa se realizou os dous anos anteriores en Pontecesures con moi bos resultados, é poñer en valor o comercio de proximidade. Segundo apunta Tocino, a chegada do Nadal é un momento perfecto para reflexionar sobre a importancia que ten o apoio ao comercio local “por parte de todas e todos nós”. 

“Ao mercar nos nosos negocios, non só compramos un agasallo especial, senón que tamén estamos a contribuír ao desenvolvemento económico da nosa vila, apoiando ás familias que dependen destes comercios”, afirma, subliñando que deste xeito garántese tamén a actividade e vida nas rúas da vila. 

A nacionalista insiste en que as e os pequenos produtores, as industrias de transformación e comercialización locais son motores de creación de emprego e dinamización económica no propio territorio polo que, “é fundamental concienciarse e apoiar o noso tecido local. Cada compra que fagamos en Pontecesures conta”, subliña. 

Por iso, dende o Concello convidan a toda a veciñanza a facer as súas compras nos negocios veciños, “onde atoparán produtos únicos e un servizo personalizado”. A alcaldesa subliña que no comercio local cesureño existe grande variedade e calidade de produtos para todos os gustos e orzamentos, que se une á excelencia no servizo e a atención individualizada á clientela. 

Para axudar á concienciación e promover a compra local, o Concello vén de lanzar a campaña de activación do comercio ‘Mercar en Pontecesures ten premio’, que rematará o 5 de xaneiro. Para participar, só é preciso mercar “bens ou servizos” en calquera dos establecementos de Pontecesures adheridos á campaña e despois depositar cada tique facilitado polos propios negocios nas urnas situadas en cada un deles, co correspondente nome, apelidos e teléfono de contacto da persoa participante. 

O agasallo principal, un vale de 200 euros para gastar no comercio de Pontecesures, será aportado polo Concello, e as tendas participantes, a máis, contribuirán tamén con produtos propios. O sorteo realizarase o 12 de xaneiro no salón de plenos da Casa Consistorial. 

O Concello de Pontecesures inicia unha campaña de promoción do comercio local que repartirá agasallos entre as persoas que merquen nos establecementos da vila durante o Nadal