OPERATIVO DESDE O 3 DE DECEMBRO
Soutomaior pon en marcha o novo servizo de recollida porta a porta de papel e de cartón
Soutomaior, 1 de decembro de 2025. Os negocios do concello de Soutomaior poderán benficiarse do servizo de recollida de papel e cartón porta a porta que pon en marcha o concello dende o mércores 3 de decembro. O Goberno Local lembrouque se trata dunha mellora importante para unha xestión máis eficiente e ecolóxica da recollida de papel e cartón, que lle permitirá a todos os negocios do concello de Soutomaior xestionar os seus residuos dunha maneira máis cómoda, directa e sostible.
Dende o Goberno Local de Soutomaior teñen claro que o paso que estamos a dar na xestión do lixo marcará un antes e un despois polo medio ambiente, trátase de que entre todas e todos sexamos “concientes” de que Soutomaior precisa medrar en verde. É unha resposta de todas e todos os que desexamos deixar un mundo mellor ás vindeiras xeracións.
O servizo de recollida do lixo, prestado por URBASER, realizará a ruta de recollida en horario de 18:00 a 21:00, durante as xornadas dos luns, mércores e venres. Os residuos de papel e cartón deberán ser depositados nas entradas dos establecementos debidamente pregados e compactados, de xeito que non poidan esparexerse pola rúa por acción do vento ou motivos similares.
Dende o Goberno Local quixeron lembrar que o proxecto Conscientes ten dous grandes obxectivos: a xestión ecolóxica do lixo e a mellora na prestación do servizo.