Marga Caldas: “Aspiro a convertirme na primeira alcaldesa da historia do noso Concello para poder seguir transformando Poio en positivo”
Poio, 5 de outubro de 2022. Acompañada por Luciano Sobral, unha das figuras máis carismática do nacionalismo galego, alcalde da localidade desde 1995, Marga Caldas agradeceu o apoio da militancia que a elexíu para que encabezase a candidatura do BNG, un reto que asume “con responsabilidade e con ilusión”.
“Estou convencida de que o BNG ten o mellor proxecto para seguir transformando Poio en positivo”, afirmou a xa candidata nacionalista. “Nito Sobral e os compañeiros e compañeiras do Bloque, desde os distintos gobernos municipais ou a pé de rúa, escribiron as mellores páxinas da historia de Poio, e sobre esa base tócanos a nós agora abrir un tempo novo. Grazas Nito, polo teu compromiso, polo teu bo facer e pola túa entrega por Poio e por Galiza”.
Para este tempo novo, cinco compañeiros e compañeiras, de diferentes idades, están a traballar na elaboración dun programa de goberno ambicioso, de longas miras e pensado para atender as demandas e necesidades dos nosos veciños e veciñas. E queremos facelo en diálogo directo cos distintos colectivos sociais, polo que en breve “comezaremos unha rolda de contactos, que empezaremos pola mocidade”.
Unha muller moza, preparada, comprometida e traballadora
Marga Caldas foi presentada polo histórico alcalde de Poio, Luciano Sobral, que dixo dela que é unha “muller xoven, preparada, comprometida cos veciños e veciñas e coa organización”, para afirmar estar “emocionado” porque o BNG e o Concello quedan en boas mans.
Sobral, que empezou na militancia nacionalista nos anos 70, que leva máis de 40 anos na corporación, 27 deles como alcalde, agradeceu á veciñanza que lle desen ao BNG a oportunidade de gobernar Poio desde 1995, e á organización por pensar nel para representala.
Sobral afirmou que agora se inicia unha etapa nova, na que o BNG dunha maneira aberta, clara e participativa, elexíu a Marga. “E eu non podo estar máis orgulloso. Levo 13 anos traballando con ela e sei da súa preparación, traballo e compromiso”, afirmou.
“Queremos e traballaremos para que sexas a primeira alcaldesa da historia deste concello. Sabes que estamos e que estou aquí para todo o que necesites, que me terás ao teu lado a calquera hora do día para acompañarte nesta nova etapa que agora comezas.”