O BNG propón un “pacto pola auga”, para facer fronte ás consecuencias do cambio climático
Pontevedra, 6 de setembro de 2022. Na habitual comparecencia de prensa para informar das grandes liñas de traballo político no Parlamento galego no novo curso político, o deputado Luís Bará contextualizou o actual momento na crise que padecemos e que “todo indica vai ir a pior”.
Bará calificou como triple a crise: crise económica -sobre todo polo incremento dos prezos-, crise social -dos servizos públicos e, en especial da sanidade- e crise ecolóxica -coas graves afectacións de secas e lumes-. “Diante desta situación -afirmou Bará- Galiza está desamparada, cun goberno paralizado, máis centrado en seguir as instrucións do PP de Madrid e da campaña de Feixóo para a Mocloa que por gobernar o país”.
A maiores, o deputado nacionalista achacou a Rueda estar máis preocupado da súa campaña publicitaria de imaxe, de darse a coñecer, que de gobernar o país nunha situación tan complexa como as que estamos vivindo.
Diante desta ausencia do goberno galego, “o BNG, que ten vocación de goberno, levará ao vindeiro pleno do Parlamento unha serie de alternativas, de medidas de choque, de carácter urxente, para facerlle fronte a esta grave situación.
Un pacto pola auga, o apoio ás persoas vulnerábeis, aos sectores económicos estratéxicos e o reforzo dos sectores públicos esenciais -educación, sanidade e coidados- serán os eixos da actividade política do BNG no novo curso político
A primeira das medidas é un plan de rescate das persoas vulnerábeis, en risco de exclusión e de pobreza, con 110 millóns de euros. As últimas cifras, indicou o deputado nacionalista, falan xa de que son arredor de 670.000 persoas, case unha cuarta parte da poboación do país, as que se atopan nesta difícil situación, máis aínda co brutal incremento dos prezos de máis do 10% nos produtos básicos. Para afrontar esta delicada situación, o BNG propón.medidas como o mantemento da tarxeta básica -unha medida moi útil no seu momento que suprimida pola Xunta cando é máis necesaria ca nunca-, o incremento en 100 euros do complemento autonómico das pensións non contributivas, así como o incremento de axudas para facer fronte á pobreza enerxética e á vivenda.
A segunda das medidas ten que ver co apoio aos sectores económicos estratéxicos, que están afectados polo incremento dos prezos dos combustíbeis e da enerxía: industria, sector agrogandeiro, pesqueiro e de servizos, cunha dotación económica de 175 millóns de euros.
A terceira das medidas é un plan de reforzo dos servizos públicos esenciais, fundamentalmente sanidade, educación e coidados. Para o BNG é prioritacio “fortalecer o servizo de saúde público, en especial a atención primaria, que se atopa nunha situación de colapso, especialmente na area sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que podemos denominar a auténtica zona cero da crise sanitaria”.
O BNG proporá tamén un fondo extraordinario de apoio aos Concellos, dotado de 50 millóns de euros, para axudarlles a facer fronte a esta situación de “emerxencia social” e ao incremento de custes dos servizos, así como un fondo extraordinario de 300 millóns de euros para facer obras necesarias e urxentes en materias como enerxía, vivenda, mobilidade ou auga.
A respeito do tema da auga, Bará, afirmou que a crise ambiental derivada do cambio climático xa está aquí, e un bo exemplo son a seca e os lumes que padecemos este verán. “Estes meses tivemos unha advertencia do que vai ser unha situación permanente e duradeira, porque a auga é un ben escaso. Por iso falamos de adoptar medidas no inmediato, pero tamén con perspectiva de futuro”. “Isto ven para quedar e non podemos seguir como se non pasase nada”, afirmou o deputado nacionalista, que propón un PACTO GALEGO PARA AUGA, porque “para nós é unha cuestión estratéxica, unha cuestión de país que ten que estar por riba das diferencias partidarias e dos conflitos territoriais”. Neste sentido, o BNG propón abrir un proceso de participación pública, institucional e social para que no ano 2023 se poida aprobar este Pacto Galego pola auga, que estea baseada na denominada “nova cultura da auga”, que protexa e perserve os recursos, teña unha xestión eficiente e aposte polo aforro, a redución do consumo e a reutilización das augas depuradas.
Neste ámbito é preciso tamén acometer, en colaboración cos Concellos, consorcios e mancomunidades, melloras nas infraestruturas hidráulicas, para facelas máis eficientes, así como un novo modelo de gobernanza sobre a auga no que participen todos os niveis da administración e no que se creen consellos galegos e territoriais para o seu uso sustentábel. Bará demandou tamén que Galiza conte con todas as competencias nas bacías hidrográficas, xa que na actualidade o noso país só xestiona Galiza-Costa, o que crea múltiples disfuncións á hora de ter unha política integral en materia de auga.
As partidas económicas para facer fronte a estas iniciativas -afirmou Luís Bará- teñen que nutrirse de partidas non executadas nos orzamentos de 2022, e tamén dos orzamentos de 2023